Despois de catro meses de traballo na aula e de competición por Internet, Aitor Eijo e Adriana Otero, alumnos do CM de Xestión Adminstrativa do IES Perdouro de Burela, integrantes do equipo “Oropefer” participarán o próximo 15 de abril na final do Reto Alcoa, que terá lugar na U-tad (Universidade de Tecnoloxía e Arte Dixital) de Madrid.
Na Mariña, ademais do equipo do Perdouro, tamén resultaron finalistas un equipo do IES de Foz e outro do IES María Sarmiento de Viveiro.
O Reto Alcoa é un programa sobre xestión empresarial promovido pola Fundación Alcoa e organizado pola Fundación Junior Achievement. Consiste nunha simulación virtual de estratexias empresariais; evocando un mundo no que os estudantes son os directores executivos da súa propia empresa. Durante o xogo, os alumnos deben dirixir a empresa e tomar decisións empresariais claves tales como: prezo do produto, niveis de produción, gastos de marketing, gastos de investigación e desenvolvemento, doazóns e a porcentaxe de investimento en capital.