A Mariña, 28 de abril de 2016. O BNG mariñao cualifica de insulto á intelixencia o plan de estratéxico de Autoridade Portuaria Ferrol – San Cibrao que se auto define nos seus obxectivos no que afecta á comarca, como “motor económico da Mariña”. É insultante porque ano a ano mais de tres millóns de euros ingresados por taxas da actividade portuaria en San Cibrao desaparecen e a cambio nin sequera se invisten na comarca as partidas económicas para este ente portuario con destino a Lugo nos orzamentos do Estado. A mesma autoridade portuaria non fixo nada para que abrir o dique norte de Morás ao tráfico comercial, mesmo os seus xestores políticos, xa foran do PSOE ou do PP, frearon todos os intentos para abrir negociacións coa concesionaria Alcoa para chegar a este fin a pesar de que este é un peirao da súa competencia.
A xestión conxunta dos peiraos de Ferrol e San Cibrao é o problema para que a comarca se beneficie dos ingresos derivados da actividade portuaria en San Cibrao
Desde o BNG mariñao afirman que “a actual autoridade portuaria compartida non beneficia á comarca, son mínimos os investimentos, e non van mais alá de simples esmolas para mantemento, nin sequera se coñece si se gastan os fondos incluídos nos orzamentos do Estado cando son mínimos en relación ao recadado no peirao de Morás – 9,5 millóns de euros entre 2012 e 2014 – mentres os orzamentos estatais destinaban á comarca no mesmo período 345.000 euros que non se executaron.
Segundo os datos de Portos do Estado o movemento de mercadorías en San Cibrao superou entre os anos 2010 e 2013 (últimas cifras publicadas) os 20,9 millóns de toneladas, unha cifra moi por riba da de outros peiraos con autoridade portuaria propia como Vilagarcía, Avilés ou Motril; os dous últimos con xestores portuarios propios desde fai poucos anos por segregación de Xixón e Almería.
Os dous partidos que por quendas gobernaron no Estado bloquean abrir ao tráfico comercial o dique norte de Morás.
A negativa a todos os intentos do BNG por abrir negociacións coa multinacional Alcoa cuxa concesión sobre o uso exclusivo do peirao remata en 2023 foi constante independentemente de haber gobernos estatais do PSOE ou do PP, isto pese a que os gobernos municipais de Xove e Cervo, a Deputación de Lugo e o Parlamento Galego instaran á súa apertura co fin de abrir o dique norte de Morás, hoxe sen uso ao tráfico comercial. Tampouco se tivo en conta o plan de viabilidade elaborado por Portos de Galicia en 2010 que concluía a viabilidade do proxecto.
A Mariña debe ter autoridade portuaria propia e Portos de Galiza ten que pasar a xestionar os peiraos galegos que este venres están en mans de Portos do Estado
A formación nacionalista conclúe que a única vía para lograr que a comarca se beneficie dos recursos económicos xerados no peirao de San Cibrao queden na comarca é a segregación de Ferrol coa creación dunha autoridade portuaria propia na Mariña ao tempo da transferencia a Portos de Galiza da xestión dos portos actualmente competencia do Estado en Galiza.
Neste sentido, instaron ao xestores da actual autoridade portuaria Ferrol – San Cibrao a deixarse de anuncios sobre plans estratéxicos que o tempo demostra falsos para esta comarca; é chamativo engadiron, que os dous representantes da comarca neste ente portuario: os alcaldes de Xove e Cervo, calen a boca mentres un ano tras outro se esquilman recursos económicos da comarca cara outros portos, nomeadamente Ferrol, sen que aquí se faga nada mais alá de pequenos investimentos para mantemento de faros que non pasan de ser esmolas en relación ás taxas portuarias ingresadas.