Lugo, 29 de abril de 2016.- A concelleira da Corporación de Quiroga, Rosa Arza, será a única candidata á presidencia de Novas Xeracións da provincia de Lugo no VIII Congreso Extraordinario Provincial.
O presidente do Comité Organizador do Congreso, Fernando Carreiras, informa de que a quiroguesa cumpriu con todos os requisitos e presentou un total de 114 sinaturas de apoio que avalan a súa candidatura, é dicir, máis do dobre do esixido.
Deste xeito, Rosa Arza é proclamada candidata oficial á presidencia de Novas Xeracións de Lugo de cara ao congreso que se celebrará o próximo 14 de maio en Monforte de Lemos. Arza está acompañada polo lucense Pablo Flórez e polo focense Roberto Fernández, que ocuparían os postos de vicepresidente e secretario xeral, respectivamente.
Dende o Comité Organizador do Congreso explican que a partir de maña ábrese un prazo de campaña interna que se prolongará ata o 9 de maio. Ademais, Fernando Carreiras informa de que se amplía o prazo para a entrega do relatorio, que levará por título Todos Facemos Provincia, ata o mércores catro de maio. Os encargados de elaboralo son os mozos de Novas Xeracións Aitor López Anello de Burela e Cati Pita Criado de Vilalba. Unha vez entregado, o relatorio farase público e poderá ser emendado dentro dun prazo establecido polo COC.