Os días 30 de abril, 1 e 2 de maio celebraranse por segundo ano consecutivo no Centro Rexional de Artesanía de Bres (Taramundi) as “Xornadas de Artesanía e Demostración de Oficios Tradicionais”.
Durante estes tres días o público asistente poderá visitar os talleres do Centro para observar o traballo en vivo de artesáns de oficios tan distintos como o coiro, o tear, a encadernación, a cestería ou a talla en pedra e madeira. A maioría dos artesáns proceden da Comarca Oscos-Eo como é o caso de Montserrat Quintana Fernández de Encadernacións Principado e Cestería José Ramón Vázquez do municipio de Castropol, Inés Barcia e Fernando Vicens, artesáns instalados de maneira permanente no Centro de Artesanía en Taramundi, do mesmo xeito que Pilar Quintana que aínda que xa xubilada terá un espazo reservado durante estes días para mostrar parte do traballo realizado durante tantos anos.
Tamén asistiran artesáns galegos que están representados por Fernando Vilariño Gosende con talla en pedra e Marcos Ladra Sanjurjo con talla de madeira.
Ademais, a Asociación de Persoas Maiores “O Mazo” de Taramundi, realizará recreacións de oficios tradicionais durante toda a xornada do sábado.
E na sala de exposicións poderase visitar unha interesante composición fotográfica sobre bolboretas da Comarca Oscos-Eo realizada por Alberto Mon Cotarelo.