Coincidindo coas mareas vivas, este mércores 4 de maio comenzaron as obras de reparación mantemento e melloras das instalacións náutico recreativas en Portochico que dende a asociación A Ribeira teñen demandado: o chorreo e reparación e pintado dos piares que soportan e suxeitan os dous pantaláns existentes, a reparación e a aplicación dun tratamento especial para a madeira do firme dos mesmos, a colocación dunhas proteccións plásticas a modo de “defensas” para suprimir as partes dos pantaláns que se atopaban descarnadas.
“Tamén veremos cumprida outra demanda básica que anelabamos fai moitos anos e que será a colocación de catro torretas de auga e luz neses pantaláns, algo que será de gran utilidade para as embarcacións atracadas en Portochico”.
“Estas obras sumadas ás da instalación fai uns días duns novos focos led que substituíron ás lamparas halóxenas de gran consumo que iluminaban este peirao, permiten que non se apagasen os focos do peirao durante a noite. Agora están accesos durante toda a noite garantindo a seguridade das embarcacións”.
“Congratúlanos comprobar que Portos de Galicia esta a mirar un pouquiño polo noso pobo, e empezamos desta forma a mellorar as nosas instalacións náutico deportivas, que agora xa se empezan a equiparar a outras similares, e que en boa medida, axudarán a fomentar a aficción e o turismo náutico en Foz”.