Foz, 10 de maio de 2016.- O alcalde de Foz, Javier Jorge Castiñeira, mostra a súa sorpresa pola negativa de Foz Plataforma de Futuro a que Mensajeros de la Paz xestione o novo xeriátrico, porque de non ser así resultará prexudicial para os traballadores e para os residentes do actual asilo.
O rexedor focense manifesta que “ao equipo de goberno do Concello de Foz a verdade é que nos sorprende moito o non de Plataforma de Futuro a Mensajeros de la Paz, a falta de respecto coa que está tratando os oitenta anos de Asilo de Foz ao non querer que haxa unha transmisión pactada entre os residentes e empregados de Mensajeros de la Paz en Foz”. Javier Castiñeira engade que “estes señores apostan directamente por un sistema que claramente non fai xustiza á labor xeriátrica que se veu facendo no noso concello, non fai xustiza á fundación do asilo, non fai xustiza con Mensajeros de la Paz, non fai xustiza cos traballadores que levan aí varios anos coidando aos nosos maiores en condicións bastante difíciles e non fai xustiza, desde logo, a todos estes residentes, que a día de hoxe coa proposta dos señores de Plataforma de Futuro van ter que buscar outro sitio”.
Castiñeira asegura que “paréceme unha proposta totalmente insolidaria e sobre todo creo que os señores da Plataforma nunca visitaron o asilo, non saben as condicións nas que estes últimos anos estiveron dando este servizo e, desde logo, non coñecen a grandísima labor que fixo Mensajeros de la Paz, que segue coa mesma ilusión que hai doce anos. De feito o pasado sábado en conversación co propio presidente da asociación, o Padre Ángel, en Mondoñedo, comprobei que están ilusionados neste proxecto de continuidade, de estrear estas novas instalacións e de facelo coa xente que estivo aí aguantando, de facelo para Foz, sempre para Foz, tratando de garantir eses postos de traballo que hai inicialmente e intentando crear algún a maiores, como así se vai facer”.
O alcalde cualifica a proposta de FPF de “inxusta, insolidaria e, desde logo, de descoñecemento absoluto por parte de Foz Plataforma de Futuro do que é o Asilo de Foz, do que é Mensajeros de la Paz e do que significa para todos nós un proxecto de continuidade, como o que propón o grupo de goberno polo menos durante estes catro anos, para facer unha transición normal”.
E Javier Castiñeira remata comentando: “diríalle tamén a Foz Plataforma de Futuro que vaia pensando, porque son eles os que o están propoñendo, que van facer con todos os residentes que se queden fóra, que van facer con todas as persoas de Mensajeros de la Paz que se van quedar no paro, a maior parte deles veciños de Foz, e como van reconducir esta situación, simple e sinxelamente por lavarse as mans, non querer que Foz prospere e tratar de seguir poñendo cambadelas, como están facendo durante todos estes últimos días”.