A Mariña, 16 de maio de 2016.- O PSOE na Provincia de Lugo sinalou hoxe que o PP de Candia nomea a un tránsfuga como Jose Manuel Balseiro, como coordinador popular da Comarca da Mariña luguesa. Din tamén que o PP buscoulle este acomodo “tras quedar fora do organigrama do partido a nivel provincial”. Afirman que Balseiro foi o peor valedor político que tivo a Mariña de Lugo.
Os socialistas da provincia cualifican a xestión de Balseiro “como a dun gran vendedor de fume”. Denuncian que A Mariña de Lugo “sufre o maior declive económico e social da súa historia coincidindo cos últimos anos do Goberno do PP na Xunta”.
Cualifican como “lamentable que o máximo representante do Partido Popular na Mariña lucense sexa un tránsfuga”. Ademais advirten que ao PP “gústalle moito apoiarse en tránsfugas, como xa fai en outros organismos da provincia, como a Deputación”.
Replican que o PP de Candia, Balseiro e Barreiro na provincia “non conta con ningunha relevancia para o Partido Popular, como demostra o feito de que non asistiu a este conclave ningún dirixente, nin orgánico, nin institucional”.
Denuncian “que o Partido Popular na Mariña, con Balseiro e Barreiro ao fronte, acadaron os peores resultados da Comarca na súa historia”.