O músico compostelán Xosé Constenla chega a Ribadeo para presentar o seu último disco, Virada por Avante. O concerto terá lugar ás 20.00 horas do sábado 14 de maio no Cine Teatro Ribadeo. A actuación, que terá formato de cuarteto, enmárcase na programación do Concello de Ribadeo con motivo das Letras Galegas e a entrada terá un custe de 3 euros e pódense adquirir na billeteira do Cine Teatro.
O cantautor subirá ao escenario xunto co pianista Javier Constenla, o contrabaixista e baixista Pablo Sanmamed e con Rober Vázquez á percusión. A presentación musical farase cunha escenografía mariñeira e a obra de Urbano Lugrís. Así, unha escolla das súas pinturas acompañará os temas de ‘Virada por Avante’, outorgando un punto surrealista ao peirao no que se converterá o escenario. Ademais dos temas do novo disco, Constenla interpretará cancións de discos anteriores.
Virada por Avante é o cuarto disco do músico compostelán, integrado por once temas con grande influencia de folk rock americano e tamén da corrente iberoamericana de canción de autor. É o álbum máis maduro, persoal e sofisticado de Constenla, que contou coa participación de Fredi Marugán, produtor e arranxista de recoñecido prestixio que como guitarrista ten acompañado a artistas como Serrat, Miguel Ríos, Luz Casal ou Ismael Serrano, entre moitos outros. Tamén colaboraron neste traballo artistas e técnicos tan recoñecidos como Javier Bergia e Óscar Herrador (Stateroom Studios).