Con motivo da celebración das Letras Galegas, que este ano renden homenaxe a unha das figuras máis significativas da literatura galega do século XX, Manuel María; o Concello de Ribadeo considera o poeta chairego merecedor de todo acto, aínda que o mellor modo de facer pervivir a Manuel María está na lectura e goce dos seus versos. Así pois, achéganse días de múltiplas opcións para festexarmos as Letras Galegas.
A primeira acción consiste na campaña que lanza o concello, POEMAS DE MAR E TERRA NO NOSO MERCADO. Desde o venres 13, até o mércores 18, recibiremos un poema de Manuel María por cada compra realizada en varios establecementos ribadenses. Carnizarías, peixarías, librarías, pastelarías, tendas de comestíbeis e panadarías repartirán textos do autor relacionados con cadansúa actividade comercial.
Con isto, procúrase a aproximación á obra de Manuel María e tamén o coñecemento daqueles textos referidos aos produtos alimenticios que el mesmo valoraba por calidade e orixe.
Os soños na gaiola
O venres, seguindo a proposta da Fundación Manuel María e do Concello de Ribadeo, tamén se realizará unha acción simbólica por parte de alumnado ribadense coa entrega nas caixas de correos da veciñanza de poemas e deseños vinculados a Manuel María.
A escolla de cada unha destas nenas e nenos, acompañada dunha interpretación pictórica persoal, acabará por se depositar nunha caixa de correos polo que algún de vós encontraredes o venres 13 unha sorpresa ao irdes procurar o correo. Os versos de Manuel María e os debuxos dos pequenos e pequenas de seguro servirán para nos sacar un sorriso!
Labrego con algo de poeta: presentación
De cara á noitiña do venres, teremos ocasión de nos achegar á Casa das Letras para coñecer a nova biografía de Manuel María, “Labrego con algo de poeta”, da autora Mercedes Queixas.
O concelleiro de Cultura, Farruco Graña presentará a escritora coruñesa e a súa nova obra. Esta biografía serve para nos achegar á vida e obra de Manuel María a partir da súa tripla razón de vida: a casa outeirense, a tribo chairega e a nación galega.
Mercedes expón o percorrido vital do autor de fortes raíces coa Terra Chá, ligándoo coa súa escrita e coa evolución do seu pensamento en que o compromiso co idioma e cultura galega nunca estivo ausente.
Exposición: “48 momentos con Manuel María”
O luns 16, véspera das Letras Galegas, inaugurarase na sala OMIC unha exposición que xira arredor de Manuel María e de diferentes etapas da súa vida. A mostra, “48 momentos con Manuel María” está composta por 48 debuxos realizados en técnica mixta que serven a Martínez Coello e a outros artistas para lembrar diferentes momentos da vida do escritor.
Ás 18.00 horas, terá lugar o acto de inauguración en que Miguel Anxo Martínez Coello nos falará sobre a ilustración do libro “Conversas con Manuel María”, de Xosé María del Caño. A exposición estará dispoñíbel en Ribadeo até o 11 de xuño, no horario habitual da sala de Turismo.
17 de maio. Día das Letras Galegas. Canta o cuco
O Auditorio Municipal ofrece a posibilidade de desfrutarmos do concerto familiar “Canta o cuco” de Uxía e Magín Blanco a partir das 17.30 horas con entrada única a 3€ que ofrece unha ollada de dous experimentados creadores vinculados á música infantil sobre o poeta-labrego da Terra Chá.
Unha visión contemporánea dos versos de Manuel María para as nenas e os nenos do século XXI, con moitas posibilidades de acompañar o traballo con unidades didácticas onde a transversalidade incide directamente en varias materias: música, literatura, lingua, historia, coñecemento do medio, debuxo, etc.
Trátase dun espectáculo multidisciplinar e familiar onde se mesturan diferentes técnicas escénicas, manipulación de obxectos, títeres, música e traballo actoral. Todo isto conxugado co deseño e ilustracións do prestixioso pintor de Narón, Leandro Lamas que nesta ocasión achéganos ao imaxinario de Manuel María.
Concerto: “Andando a terra” Uxía canta a Manuel María
E o domingo 22 de maio, de novo teremos oportunidade de desfrutar da voz de Manuel María, desta volta no concerto «Andando a terra. Uxía canta a Manuel María» ás 20.00 horas no Auditorio Municipal Hernán Naval dentro da programación Seráns Culturais da Área de Cultura da Deputación Provincial.
Uxía percorre os diversos camiños e temáticas poéticas de Manuel María, desde a amorosa e intimista, á paixasística e popular, desde a máis transcendente e metafísica até a reivindicación da natureza ou a defensa da lingua.
O espectáculo, que conta co aval da Casa Museo Manuel María, ofrece entrada de balde para todos os públicos.





















O programa inclúe inscricións, concertos, exhibicións, rutas e exposición de vehículos. Con motivo do evento, haberá cambios temporais de tráfico no casco urbano, con prohibicións de circulación e estacionamento en varias rúas e modificacións de sentido. O Concello pide á veciñanza que respecte a sinalización para garantir o correcto desenvolvemento das actividades.
A piscina abrirá de luns a venres de 8:30 a 13:00 e de 15:30 a 22:00, e os sábados de 8:30 a 14:30. O ximnasio manterá horario continuo de luns a venres, de 8:30 a 22:00, e os sábados de 8:30 a 14:30. A tempada arrinca tras diversas melloras nas instalacións, entre elas a renovación da cuberta do polideportivo, cun investimento de 195.000 euros, así como a substitución de portas de emerxencia, a intervención en pontóns das piscinas e o cambio das huellas de volteo. O Concello continúa así reforzando o mantemento e a seguridade dun complexo utilizado diariamente por numerosos veciños e deportistas.
Este luns, 14 de setembro, visitaron Mondoñedo, a Praia das Catedrais e Santa Cruz. A viaxe evocou as lecturas de Cunqueiro e as súas Crónicas do sochantre, nun percorrido que incluíu a catedral mindoniense e o barrio dos Muíños, ademais da emblemática praia de Augas Santas. Pola tarde participaron nunha exhibición de billarda grazas á estimable colaboración dos billardeiros da comarca. O martes partiron de regreso a Loktudi.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asistiu á ofrenda da Virxe dos Remedios en Mondoñedo.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
A programación arrancará de 13:00 a 15:00 horas cos pinchos de benvida e unha sesión vermú a cargo do DJ Peabody. A continuación, de 15:00 a 17:00 horas, terá lugar a comida na Finca San Antonio, cun menú composto por salpicón de rape e langostinos, codillo con patacas, pan, postre, café, chupito e bebida incluída. Os tickets teñen un prezo de 40 euros e poden adquirirse en O Rincón, Confitería Alianza, Comercial Anjor e Perruquería Oriola; os menores de 5 anos asistirán de balde e os de 6 a 10 anos contan cun desconto do 50 %. Xa a partires das 18.30 horas haberá sesión de música con Toxo Guayaba.
Este luns, 14 de setembro, deu comezo un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.



