A Mariña, 3 de xuño de 2016.- A Mancomunidade de Municipios da Mariña lucense levará ao pleno do vindeiro día 13 de xuño a subvención de 83.606 euros recibida para a mellora da recollida selectiva do lixo.
O presidente da Mancomunidade, Alfredo Llano, manifestou que “o día 13 de xuño imos ter un pleno ordinario da Mancomunidade e entre outras cousas imos informar de que se nos concedeu unha subvención por valor de 83.606 euros con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental para o ano 2016”.
Llano subliñou que “é un proxecto que se titula Mellora da recollida selectiva do lixo nos concellos da Mancomunidade. É unha boa axuda porque significa que nos van dar o setenta por cen do que é o gasto que nosoutros temos considerado e que será sobre uns 119.000 euros. Se a subvención é de 83.606 euros significa que temos un aporte do setenta por cen, que non está nada mal”.
O presidente da Mancomunidade de Municipios de A Mariña engadiu que “agora o que temos é que concretar as necesidades que teña cada concello e facer efectiva xa esta subvención. É unha boa cousa porque en materia de colectores, papeleiras e todo aquilo que signifique unha mellora na recollida selectiva, evidentemente vaise notar moito nos concellos. É unha das fórmulas boas para conseguir que se cumpra con todo aquilo que require ter un pobo ben aseado e ben tratado polo que se refire á recollida de lixo”.