CON PÓLVORA E MAGNOLIAS. A mestra pediulle aos nenos que lle explicasen qué animal ou cousa gustarían ser e por que.
Un dos nenos respostou: “Quero ser televisión, para que meus pais me presten atención.”
Lonxe do que calquera alleo ou profano puidera pensar, a xustiza é, como calquera outro aspecto da “res pública”, un espazo de debate cidadán, un produto cultural dun tempo e lugar que pouco a pouco imos configurando entre todos.
O seu desenrolo práctico acontece en dúas ubicacións totalmente dispares (a saber):
Os tradicionais Tribunais, co seu linguaxe forense, co seu formalismo protocolario, coas súas venias e togas…
Os medios de comunicación, coma a televisión do conto, nos que se libra o debate paralelo, nos que xermola a opinión pública. Este segundo lugar, que puidera asemellar ter un papel secundario, é o espazo no que en última instancia se dictan moitos veredictos –basta lembrar a historia de Dolores Váquez, aquela señora de Málaga condenada e absolta polo presunto asasinato de Rocío Wanninkhof -.
Quere chamar a atención este narrador sobre un feito de trascendencia notoria no que ao eido xudicial responde en relación coa reapertura da Instrucción do accidente do Alvia en Angrois, aquel fatídico 24 de xullo de 2013.
Pasados xa case 3 anos dende a data lutuosa que consternou a todo o país, a rutina cotián voltou á vida de toda a comunidade, a excepción dos perxudicados e asociacións de afectados que seguen a loitar polo esclarecemento dos feitos.
Pasou o tempo, incoouse unha investigación, imputouse ao arquicoñecido maquinista Francisco José Garzón Amo –poderíamos tirar de hemeroteca para coñecer toda a súa biografía-, tamén a 27 cargos de Adif que posteriormente serían desimputados e Fiscalía presentou o correspondente escrito de acusación.
Tras o peche da instrucción, as plataformas de afectados, outras vítimas personadas na causa, a defensa do maquinista e a aseguradora de RENFE recurriron o Auto ante a Audiencia Provincial de A Coruña e o pasado 27 de maio tivemos coñecemento da reapertura da investigación.
Despois de resumir todo o iter destes 3 anos e tres párrafos quero chamo a atención sobre dúas circunstancias:
A primeira é que que o Auto que reabre a investigación refire expresamente:
“Debe entenderse que subsisten indicios, no suficientemente desvirtuados, de que existía un riesgo de accidente en la curva que no fue evaluado específicamente”
A segunda recae sobre o art. 350 do Código Penal que castiga aos que na construcción de obras civís infrinxan as normas de seguridade establecidas cuia inobservancia poña en concreto perigo a vida das persoas.
Sobre estos dous puntos básicos gustaríame que cadaquén abrise o seu propio debate e intentara formar a súa opinión; a miña é que a verdadeira solidariedade non se materializa en crespóns nin en actos homenaxe senón que se precisan comisións de investigación, estado de dereito e xustiza.