O Valadouro, 3 de xuño de 2016.- A presidenta do PP de Lugo, Elena Candia, afirmou este venres que “o peor que lle pode pasar a España é retroceder ao que se fixo antes da chegada do Goberno do Partido Popular” e, en consecuencia, os populares agardan revalidar, e incluso ampliar, a confianza que as veciñas e veciños da Mariña veñen depositando no Partido Popular nos últimos procesos electorais.
Así o explicaron esta tarde nun encontro de precampaña que tivo lugar no Valadouro e no que participaron a presidenta provincial dos populares lucenses, Elena Candia, o cabeza de lista ao Congreso, Joaquín García Díez e o coordinador comarcal, José Manuel Balseiro.
Desde o Partido Popular consideran un erro recuperar as políticas socialistas que fracasaron no pasado e que nos levaron practicamente á quebra de España e aseguran que tampouco sería positivo apostar por políticas populistas ou extremistas que xa foron derrotadas pola pura realidade fai moitos anos. Pola contra ,os populares presentan o seu proxecto como a única alternativa capaz de garantir que a recuperación económica continúe e chegue a todos os fogares. “So o PP –aseguran- pode ofrecer estabilidade”.
Obxectivo: Ampliar apoios
Desde o Partido Popular da Mariña quixeron marcarse como reto volver a ser a primeira forza política, ampliando os apoios recibidos no mes de decembro e no obxectivo histórico de que dous veciños desta comarca, o candidato Jaime de Olano e Mercedes González, poidan obter os apoios necesarios para que A Mariña conte con dous deputados populares no Congreso.
O PP pon en valor a súa xestión
“Fronte ás políticas caducas do PSOE, que xa sabemos onde nos levan e fronte a extremismo e radicalidade, o PP presenta un proxecto moderado e de futuro. Fronte a candidatos inexpertos que queren chegar ao Goberno a aprender, presentamos un equipo avalado pola xestión de goberno, do Executivo que foi quen de evitar a quebra e que se esforza ao máximo por sacar a España da crise”, precisou a presidenta.
Mellora do emprego
Os populares poñen en valor que, en tempos de dificultade, o PP estivo centrado en dar solucións, con propostas eficaces como as que están permitindo reducir o desemprego, tamén na Mariña. Neste senso lembran que o último mes de maio descendeu o paro en 234 persoas situando a cifra en niveis que non se repetían nos últimos dez anos e todo iso, antes do inicio dunha campaña estival que pode ser histórica.
“Aínda queda moito traballo por facer, pero a vida dos cidadáns mellora cando se fan políticas de recuperación como as que leva impulsando o Partido Popular nos últimos anos a pesar de ter que xestionar o contexto de maior dificultade co que nunca antes nos tiñamos atopado”
Os populares remataron insistindo en que a súa prioridade nos vindeiros anos segue a ser que as persoas que non atopan unha oportunidade de traballo poidan facelo, e que sexa emprego estable e de calidade. Para iso insisten na importancia de seguir confiando no PP que foi quen de recuperar en España un millón e medio de empregos perdidos pola crise e que aspiran a seguir traballando, facendo as cousas con sensatez e sentido común ata recuperalos todos”.