Foz, Plataforma de Futuro ven de celebrar o mércores 15 de xuño unha Asemblea Extraordinaria no que se debateu a entrada da nosa formación política na rede de mareas locais e municipalistas “Mareas en Común” para un posicionamento de cara as próximas eleccións ao Parlamento de Galicia, que terán lugar o vindeiro outono.
Despois dun interesante e construtivo debate para tratar o futuro da nosa formación, os nosos seguidores votaron por unanimidade a proposta da Coordinadora de Goberno de participar na confluencia con outras 35 formacións políticas, na súa maioría de ámbito local que representa Mareas en Común. Un espazo de confluencia e unidade popular que
pretende dar protagonismo á cidadanía, tentando de mudar os modos de facer política a nivel autonómico, abrir as institucións propias de Galicia á máis ampla participación e procurar por en marcha políticas que defendan o común: os dereitos básicos, unha vida digna para todos e toas, unha economía máis xusta e solidaria, os espazo público, o coñecemento e a cultura colectiva.
Un proxecto baseado nuns principios básicos que nos unen e que subscribimos:
0. Garantía efectiva dos dereitos humanos.
1. Radicalidade democrática.
2. Transparencia e loita contra a corrupción.
3. Feminización da política e loita contra calquera tipo de discriminación.
4. Defensa dun modelo económico xusto que garanta os dereitos sociais e laborais.
5. Defensa da lingua e cultura galega e do noso patrimonio.
6. Protección do ambiente e benestar animal.
7. Defensa do común.
8. Máis autogoberno e mellor vertebración territorial.
“Foz, Plataforma de Futuro” sabendo que o noso pobo, Foz, non vive illado e que compartimos poder político con outras institucións a nivel provincial, autonómico e estatal decide dar un paso máis na súa recente historia e apostar por apoiar esta confluencia de diversas formacións políticas dentro do ámbito da esquerda para arrebatarlle o goberno da Xunta ao Partido Popular e desterrar dunha vez a vella política presidencialista, caciquil e clientelista que representa este partido. Queremos deixar claro que non se trata de ningunha absorción por parte de ningún partido político en concreto, trátase de sumar forzas con formacións políticas similares, mantendo sempre a nosa independencia a nivel municipalista.
“Foz, Plataforma de Futuro” conserva e conservará sempre as súas siglas pero será sempre unha referencia clara para todos aqueles veciños e veciñas de Foz, de esquerdas, que un día decidiron abandonar os partidos tradicionais e se viron sen unha referencia clara que mellor os represente.
“Foz, Plataforma de Futuro” comprometese a partir de agora de apoiar todas aquelas iniciativas que traten de sumar, de confluír, de buscar un entendemento entre todas as forzas de esquerdas municipalistas e de ámbito autonómico e de dar apoio de cara as seguintes eleccións autonómicas ó partido instrumental “Mareas en Común” ou aquel que surxa a partir desta iniciativa e busque a unidade popular das forzas do cambio e de esquerdas e respete e entenda a nosa independencia no ámbito local e municipal de Foz.
Dende aquí animamos a todos e todas as veciñas de Foz, que realmente se sinten de esquerdas, e están defraudados con outras formas de entender a política, que apostan por un cambio real nas institucións locais e autonómicas a que se sumen e participen deste proxecto no que nos embarcamos coa mesma ilusión e entrega dos nosos comezos e da nosa radicalidade democrática e asemblearia.
“Foz, Plataforma de Futuro” tamén se suma á “Rede Lugo de Plataformas Locais” que promoven diversas formacións políticas e plataformas veciñais e municipalistas da nosa Provincia e que procuran esta mesma confluencia a nivel provincial para dar solucións comúns os problemas que nos afectan neste ámbito.