Viveiro, 9 de xuño de 2016.- “Son un can, non me fagas quedar coma un cocho”. Baixo este lema, a Asociación Centro Comercial Histórico de Viveiro chama unha vez máis ao civismo de veciños e visitantes para manter limpas as rúas da nosa cidade.
É a segunda vez que se pon en marcha unha campaña deste estilo, concretamente o lema segue sendo o mesmo, e os carteis que figurarán nos escaparates dos establecementos asociados terán o mesmo deseño que na ocasión anterior, editando dúas versións, unha en galego e outra en castelán.
A Xunta Directiva do Centro comercial aberto de Viveiro decidiu poñer de novo en marcha esta campaña de concienciación debido ás numerosas queixas que reciben tanto de comercios asociados como de clientes habituais. A campaña chama ao civismo e á responsabilidade dos donos dos cans para que recollan os excrementos das súas mascotas.
É responsabilidade de todos manter as rúas limpas e desde a Asociación de comerciantes así o queremos transmitir, non é agradable para ninguén ir andando pola rúa e pisar “agasalliños” innecesarios, cando temos nas nosas mans unha maneira moi fácil de poder evitalo. Se chegados a este punto, as campañas de concienciación non resultan efectivas o único que o fará será ter que empezar a aplicar sancións e así llo transmitimos ao Concello en reiteradas ocasións.