A Xunta autorizou o parque éolico de Figueiras, que estará situado nos concellos lucenses de Alfoz, O Valadouro e Mondoñedo, unha nova infraestrutura enmarcada no concurso eólico galego que suporá un investimento de máis de 23 millóns de euros, e suma unha potencia total de 22,5 MW a través da instalación de 5 aeroxeradores.
Con este novo parque, que alcanzará unha produción aproximada de enerxía anual ao redor de 57.000 MWh, o Goberno autonómico suma 21 parques do concurso aprobados, tras as autorizacións dos eólicos de Acibal, Mondigo, Faro, Cernego, Pico Seco, Friol, Paraño Oeste, Xinzo Norte, Chan do Eixo, Ourol, Tenzas do Aire, a primeira fase de Monte Arca, Cordal-Ousá, Orrea, Alto da Telleira, Campo Pequeño, Carracedo, Coto de Frades, Olerón e Neda, o que supón un total de 504,5 MW e un investimento de máis de 635 millóns de euros.
A Consellería de Economía, Emprego e Industria segue a apoiar un modelo de desenvolvemento da enerxía eólica centrado na recuperación do liderado do sector, así como na creación de emprego e riqueza para a sociedade. Neste contexto, cabe sinalar que os plans industriais asociados ao concurso eólico galego están a xerar xa máis de 1.000 millóns de investimento na Comunidade e posibilitan a creación de máis de 2.000 empregos directos.
Así mesmo, o Goberno galego ten moi en conta ás administracións locais, de xeito que por medio do canon eólico se recadaron xa 137 millóns de euros destinados aos municipios. Neste contexto, o novo proxecto autorizado polo Consello da Xunta, e promovido por Fergo Galicia Vento – PEE, suporá unha fonte de financiamento importante para os concellos lucenses de Alfoz, O Valadouro e Mondoñedo, que poderán beneficiarse da recadación obtida do dito canon.