O pentatleta viveirese do Equipo Nacional, Cristóbal Rodríguez, repite xesta digna dos máis antigos pentatletas da antiga Grecia ao proclamarse dobre campión de España nas modalidades de LASER RUN e de TRIATLE.
Rodríguez chegaba á Coruña o sábado 2 de xullo pola mañá procedente do Centro de Tecnificación de Pontevedra onde está a preparar o CAMPIONATO DE EUROPA DE PENTATLON MODERNO que se celebrará a vindeira semana en Sofía (Bulgaria) aínda que nun principio non estaba na súa programación competir nestes dous nacionais. Con todo, unha chamada do director técnico da Federación Galega animábao a incluílas no seu calendario como últimas sesións fortes antes do Europeo.
A primeira competición daba comezo o sábado ás 18.00 horas na coruñesa praia de Oza. Desde o primeiro compás de saída o mariñán mantívose no grupo de cabeza. No segundo parcial de 800 metros, ao saír do sector de tiro Miguel Fernández e José Pérez, da Federación Astur, metían un cambio de ritmo ao que se unían Raúl Porto e Cristóbal Rodríguez, para entrar a disparar en bloque no terceiro 800. Cun sector de tiro moi rápido, Rodríguez conseguía saír primeiro da combinada e encarar o último 800 para entrar cunha pequena vantaxe na liña de meta, facéndose co título nacional de Laser Run.
O domingo, á unha do mediodía, daba comezo a competición de TRIATLE, que consiste en tiro, natación en augas abertas e carreira a pé. Rodríguez, que disparaba no posto número cinco, cando se dispoñía a realizar o seu último derrubo o láser da súa pistola de precisión fallaba, o que o tivo retido 50 segundos no seu posto de combinada.
Segundo declaracións do deportista “puiden solucionar o problema grazas á xenerosidade da Selección cántabra que puxo á miña disposición unha arma dos veteranos”.
Aínda así, tivo que nadar moi forte para conseguir marcar os 4 mellores parciais da competición en natación e conseguir chegar ao último oitocentos en disposición de disputar ao sprint a Tony Marcos de Cataluña e a Ángel Álvarez que, ao final se decantou a favor do pentatleta galego.