Nordés pon en marcha a campaña de captación de socios e socias para este ano.
“Fai poucos, poucos anos, nunha bisbarra esquecida, pero fermosa a máis non poder, nasceu unha asociación que tomou o seu nome do vento que noutro tempo movía muiños e inchaba as velas dos galeóns, goletas e dornas que se achegaban á nosa ría: Nordés
Nese pouco, pouco tempo do que estamos a falar, Nordés convirteuse nun referente cultural e social pola cantidade e calidade das actividades que programa, as cales tocan moitos xéneros: protección do medio ambiente, posta en valor do patrimonio arqueolóxico, promoción da agricultura ecolóxica, loita contra as pragas nocivas para os produtos da terra, recuperación da memoria histórica, e un longo, longo etcétera.
De seguro a nosa laboura non che pasou desapercibida. Pode ser que amosaras interés por algunha das actividades que levamos feitas. Pode que foras ainda máis aló e participaras nalgunha ou nunhas cantas delas. E pode tamén que teñas algunha proposta de acto ou actividade que che gostaría que Nordés fixera.
Son moitas as formas que en Nordés temos para que participes, e son moitas tamén as necesidades que a asociación ten para seguir adiante.
Precisamos de socios e socias, precisamos de tí, precisamos de vós. Asóciate a Nordés. Faite Nordesteira/o”.
Os interesados e interesadas poden asociarse por 20 euros ao ano e, o que é máis importante, participar nas propostas, promoción e organización de actividades.