Tras percibir o mal estar dos voluntarios do Mercado Medieval aos que foi dirixida a cea homenaxe celebrada o pasado venres e visto o pouco éxito de participación, o Grupo Municipal do BNG de Mondoñedo cualifica de “nefasta” a organización do acontecemento e considera “inadecuado” o trato que recibiron todas as persoas voluntarias que fixeron posible que o Mercado Medieval de Mondoñedo continuase vivo todos estes anos.
Eloi Cabanas, voceiro do BNG no concello, apunta que tanto a cea homenaxe como a presentación do programa da XXV edición do Mercado Medieval foi anunciada polo goberno de Elena Candia aos medios de comunicación para o 2 de xullo. O portavoz reprocha a falta de información, “¿cales foron os motivos da cancelación do acto o día 2 e por qué o cambio de data para o día 8?”.
O portavoz do BNG critica ao equipo de goberno a mala organización por non contactar formalmente coas persoas ás que ía dirixido o acto de homenaxe, “ata o día antes do acto non se empezaron a vender os tickets da cea, estiveron chamando a algún dos voluntarios e colaboradores por teléfono, non a todos, e isto creou mal estado no resto dos colaboradores. Eloi Cabanas pregunta, ¿cal é a explicación da señora Candia por este trato discriminatorio?.
Os nacionalistas opinan que é importante organizar este tipo de actos de homenaxe para recoñecer o traballo de todos aqueles veciños e veciñas que permitiron que este acontecemento sexa un éxito de participación ano tras ano, pero teme que o trato que se deu aos voluntarios no canto de fomentar a participación para axudar na organización e no funcionamento do mercado produza o efecto contrario e esperan que isto non sexa a escusa para que o equipo de goberno pretenda transformar, co tempo, o que se veu facendo ata o de agora por un modelo de xestión externa do mercado, “ante este escenario, o Mercado Medieval de Mondoñedo xa non sería o mesmo”.