Burela, 12 de xullo de 2016. O concelleiro de Deportes, Ramiro Fernández Rey, mantivo este martes na Deputación de Lugo unha xuntanza co novo responsable da Área de Deportes, Pablo Rivera, para falar de diversos asuntos de interese para Burela.
Fernández Rey explicou que “pedinlle que axilizase ao máximo posible as subvencións concedidas ao Burela FS, xa que levan tempo sen recibir as axudas correspondentes por parte da Deputación. O Burela FS é o club máis emblemático que temos na nosa vila e o primeiro club de fútbol sala de Galicia. Esas partidas son moi importantes para o seu desenvolvemento deportivo e poder facer fronte ás obrigas económicas que o club ten. Tamén lle solicitei a mesma axilidade para o resto dos clubs do noso municipio”.
O edil socialista contou que “tamén falamos do pavillón Vista Alegre, sobre as novas esixencias que a Liga Nacional de Fútbol Sala ven de poñer enriba da mesa de cara á tempada 2018. Deputación e Concello tentaremos sentarnos e buscar solucións neste sentido, e evidentemente terán que colaborar outras institucións xa que estamos a falar dun proxecto custoso”.
No encontro desta mañá “os vestiarios do campo de fútbol de herba artificial da Marosa tamén centraron a nosa conversa. O investimento total ascenderá a uns 106.000 euros. No orzamento municipal deste 2016 destinamos unha partida de 70.000 euros para este fin. O que buscamos na Deputación foi a súa colaboración e adquirimos o compromiso da institución provincial de aportar os cartos necesarios para poder acometer ese proxecto tan demandado”.
O concelleiro de Deportes relatou que “outro dos asuntos analizados foi o estado das pistas de tenis, que teñen o cerre perimetral bastante deteriorado, e gustaríanos poder facer as melloras necesarias de cara ao vindeiro ano. Tamén falamos da carreira nocturna Burela Bonita, fomos solicitar a colaboración económica da Deputación para esta proba. Pablo Rivera amosou o seu afán de colaboración con esta cita, que se celebrará dentro duns días en Burela”.
Ramiro Fernández convidou a Pablo Rivera a visitar Burela, as súas instalacións deportivas e a manter unha xuntanza cos clubs deportivos da localidade. O edil burelés cualificou a reunión do deputado delegado de Deportes como “moi positiva e deu a impresión que o novo deputado delegado de Deportes está moi ao tanto das necesidades deportivas de Burela”.