Santiago de Compostela, 15 de xullo de 16. O deputado socialista José Ramón Val anunciou unha serie de iniciativas parlamentarias para “coñecer qué medidas vai adoptar o Goberno galego para repoñer o servizo de transporte de mercadorías que vén de suprimir Renfe”. Aludiu así á supresión da liña ferroviaria de transporte de aluminio entre Xove e Amorebieta dirixido fundamentalmente á planta de Alcoa.
O parlamentario socialista reclama a toma de medidas urxentes dende a administración “xa que estamos a falar dun servizo que viña utilizando de xeito habitual a compañía Alcoa para dar saída a máis de 80.000 toneladas de placas de aluminio que tiñan como destino Amorebieta”. Considera “impresentable” o argumento da falla de maquinistas para xustificar o desmantelamento dun servizo fundamental para a comarca.
Advirte que “non entendemos cómo se pode consentir esta situación por parte do Goberno de Galicia”, e que provoca que a mercadoría teña que ser trasladada por estrada, provocando un “crecemento inasumible do tráfico rodado por unhas vías de comunicación que se atopan nun estado deplorable” como son as da Mariña luguesa.