O grupo ‘Por nuestro faro’ desenvolvía este domingo 3 de xullo, como estaba previsto, unha acción de limpeza en puntos diversos do paseo do faro entre a capela de San Miguel e a illa Pancha.
O punto de reunión era San Miguel onde constataban que “un desbroce fixo que boa parte do lixo máis visible quedara destrozado, oculto ou retirado polo vento despois de facerse anacos máis pequenos”. Con todo, os voluntarios partiron dende este punto actuando na zona de acceso á illa Pancha dende a desviación á praia de Rochas Brancas, onde se recolleu a maior cantidade de lixo, e tamén na zona da plataforma fronte a butano, a máis do xa dito da zona da capela de San Miguel.
A actuación duraba unha hora, durante a que se recolleron abondas bolsas de lixo, ao tempo que se viu a conveniencia de repetila, tanto para limpar outras zonas do paseo do faro como as próximas a el, así como para manter limpas as zonas anteditas.
De xeito simultáneo ás limpezas, púxose unha mesa de petición de sinaturas no templete fronte á illa, máis que para a propia recollida de sinaturas, para informar aos visitantes que se achegan ao entorno da illa Pancha en cantidade aínda nunha tarde como a de hoxe, con sol que invitaba a ir á praia.
A maioría do lixo eran cousas pequenas por mor do desbroce; pero a meirande parte do recollido eran “colillas, panos de papel e envases varios, se ben tamén se retiraron os restos dunha tina de cinc ou anacos de fío de desbrozadora”.