Foz, 22 de agosto de 2016. A biblioteca pública do Concello de Foz anuncia a convocatoria con carácter gratuíto de cursos de linguaxe administrativa galega e preparatorios para os certificados de lingua galega (Celga) que se realizarán en distintos períodos e en varias escolas oficiais de idiomas de Galicia.
Os responsables da biblioteca municipal focense explican que “os cursos de linguaxe administrativa galega de nivel medio e superior van dirixidos aos/ás empregados/as públicos/as da Administración autonómica, da Administración local e da Administración periférica do Estado na Comunidade Autónoma de Galicia. Os cursos preparatorios para os certificados de lingua galega (Celga) poderán ser solicitados por todas as persoas maiores de 16 anos ou aquelas que os fagan no ano natural da convocatoria que desexen preparar as probas convocadas pola Secretaría Xeral de Política Lingüística para certificar a súa competencia en lingua galega. Para os cursos de linguaxe administrativa galega, presenciais e en liña, e para os cursos preparatorios de lingua galega (Celga) as solicitudes presentaranse na secretaría da escola oficial de idiomas onde teña lugar o curso. O prazo para a presentación das solicitudes abranguerá desde o día seguinte á data de publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia ata o 9 de setembro de 2016, para os cursos do primeiro cuadrimestre (outubro-xaneiro); e desde o 12 de decembro de 2016 ata o 2 de xaneiro de 2017, para os cursos do segundo cuadrimestre (febreiro-maio)”.
Ademais engaden que “o alumnado que aspire a participar nos cursos preparatorios de lingua galega (Celga) xuntará ao modelo de solicitude copia do DNI da persoa solicitante (só no caso de non autorizar a súa consulta no sistema de verificación de datos de identidade). Con respecto aos cursos Celga, só se poderá solicitar un único curso por cuadrimestre nunha soa escola oficial de idiomas. Cada curso terá unha duración de 60 horas lectivas. Para máis información: www.lingua.gal ou na Biblioteca Pública Municipal de Foz, que ten o teléfono 982.140.645 e o correo electrónico biblioteca@concellodefoz.es”.