O Colectivo “MAREA DE RIBADEO” apoia a concentración que promove o grupo “POR NUESTRO FARO” para o próximo domingo ás doce da mañá en fronte da Casa do Concello.
EnMarea Ribadeo entende que “o proxecto de privatizar a Illa Pancha poñendo un hotel de dúas suites no antigo faro é un despropósito inviable que vai rematar destragando un espazo especialmente significativo na historia, na cultura e na identidade dos ribadenses. Iso sen restarlle importancia aos valores medioambientais, paisaxísticos e turísticos”.
“A política do concello de Ribadeo de facilitar os trámites, ocultar información, admitir informes superficiais e carentes de contido, esquecer a falla de memoria económica, etc. representa un interés especial por favorecer a unha parte en contra dos lexítimos intereses de outros empresarios ou promotores que puidesen estar interesados en explotar o faro como recurso cun proxecto sustentable, compatible co uso público e respetuoso co medio. Pero o que máis evidencia a parcialidade do Sr. Alcalde son as súas declaracións ao diario El Pais do 24 de Abril de 2015 nas que declaraba que se trataba dun “premio para Ribadeo”, un ano antes de ter ningún informe urbanístico nin da Rede Natura 2000, descoñecendo as recomendacións da Reserva da Biosfera e ao marxe de calquera consideración cultural, social ou histórica”.