Burela, 7 de setembro de 2016. A Concellería de Servizos Sociais pídelle á Xunta que explote directamente o servizo de comedor da Escola Infantil de Burela. Patricia Otero denuncia que só hai traballando na cociña unha persoa a tempo parcial e que a instalación é de reducidas dimensións. A edil considera que o servizo non se está a prestar de xeito adecuado.
O pasado luns, os concelleiros de Servizos Sociais e de Educación,Patricia Otero e José Díaz, acompañaron á secretaria territorial da Xunta en Lugo, Marta Barreiro, na xornada de portas abertas á Escola Infantil de Burela, no inicio do novo curso escolar.
Patricia Otero explicou que “neste percorrido, acompañados pola directora do centro, visitamos as instalacións da Escola Infantil de Burela, xestionada polo Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, dependente da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia”.
A edil socialista dixo que “durante o percorrido polo centro chamounos poderosamente a atención, que para prestar o servizo de comedor ós/ás nenos/as só exista unha cociña de reducidas dimensións, con electrodomésticos e cunha única cociñeira contratada a xornada parcial. Hai que ter en conta que este servizo de comedor préstase a través dunha empresa privada, contratada polo Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar”.
Otero engadiu que “tendo en conta que no pasado curso escolar 83 nenos/as empregaron o comedor, entendo que o servizo, con medios tan escasos tanto materiais como persoais, non está a ser prestado do xeito que requiriría un servizo tan esencial para os nosos pequenos/as”.
A concelleira de Educación considera que “este servizo de comedor non debería de estar subcontratado ou en mans dunha empresa privada, e que debería de ser prestado directamente pola administración autonómica. Se fora de xestión directa, o propio Consorcio e a Consellería de Política Social podería levar un mellor control sobre a xestión do servizo de cociña, mellorando as instalacións e ampliando o persoal adscrito ao mesmo. Por elo, pídolle á Consellería de Política Social que se replantee a posibilidade de xestionala directamente, e subsidiariamente. No suposto de que siga sendo de xestión privada, que a administración autonómica á hora de redactalos pregos para a súa licitación e posterior adxudicación, sexa máis esixente e teña en conta estas carencias denunciadas e detectadas no servizo de comedor da Escola Infantil de Burela”.
Patricia Otero indicou que “a falta de coñecer o número de nenos/as que comerán na Escola Infantil neste curso 2016-2017, e en base os 83 usuarios do anterior curso escolar, creo que o servizo de cociña está carente dos medios materias e persoais necesarios para levalo a cabo dun xeito adecuado e para dar un servizo de calidade os/as nosos/as pequenos/as. Dende a Concellería de Servizos Socias solicítaselle ao Consorcio Galego de Servizos Sociais e Igualdade da Xunta de Galicia, que subsane estas deficiencias”.