Unha muller foi excarcerada este xoves no concello de Xove, logo de que o vehículo no que viaxaba sufrise un impacto contra un camión que transportaba area. Aconteceu no quilómetro 97 da LU-862, a estrada que une a localidade con San Cibrao. Unha persoa particular contactaba co Centro de Atención ás Emerxencias do 112 minutos despois das 09.00 horas para informar do sinistro.
A muller, única ocupante do turismo, quedou atrapada no seu interior, polo que foi necesaria a intervención dos Bombeiros de Viveiro, que se desprazaron ata o lugar tras recibir o aviso do 112 Galicia. Ademais, dende o CAE 112 Galicia tamén se alertou a Urxencias Médicas, ao GES de Cervo, a Protección Civil e á Garda Civil de Tráfico. A muller recibiu asistencia sanitaria.