Cervo, 12 de setembro de 2016. O Concello de Cervo ven de acometer a obra de arranxo da pista que vai ao monte veciñal de San Román. O investimento de 30.000 euros foi financiado polo Concello e a Xunta.
O alcalde, Alfonso Villares, explicou hoxe que “desde o Concello de Cervo acabamos de acometer unha obra na parroquia de San Román. Trátase do acondicionamento da pista que vai desde a zona do Carbón, situada na marxe da estrada provincial que vai de San Román ata Rúa, e que remata no monte veciñal de man común da Rañadoira, Pena Grande e Pico da Viola”.
Alfonso Villares engadiu que “foi unha obra que se acometeu a petición tanto da asociación de montes de San Román, como de veciños de San Román e o propio Concello. Todos vimos necesario e prioritario facer o arranxo deste viario en 1.800 metros de pista, que se mellorou cun investimento de 30.000 euros, financiado conxuntamente entre a Xunta de Galicia e o Concello de Cervo”.
O rexedor municipal considera que “é unha obra fundamental para a nosa zona rural, que dende o Concello de Cervo non queremos esquecer; todo o contrario, estamos a levar adiante distintas obras e infraestruturas básicas, como xa informamos durante todos estes meses. Trátase basicamente de infraestruturas de saneamento na nosa zona rural e tamén, como neste caso, dispoñemos fondos públicos para acondicionar distintas pistas como esta”.