Lugo, 16 de setembro de 2016.- O candidato autonómico do PSdeG-PSOE pola Provincia de Lugo, Luis Álvarez, o eurodeputado socialista, José Blanco, a deputada lucense no Congreso, Margarita Perez, o senador por Lugo, Ricardo Varela, o voceiro socialista de Cervo, Francisco Urbano, xunto a outros membros da candidatura e representantes socialistas, mantiveron unha reunión co Comité de empresa de Alcoa para abordar as problemáticas que arrastran as dúas fábricas e que se acrecentan coa incertidume dun futuro incerto.
Os socialistas trasladaron o seu apoio ante as dúas máximas preocupacións dos traballadores da empresa na actualidade: a subasta eléctrica e o futuro das fábricas. O cabeza de lista para as autonómicas na provincia de Lugo, Luis Álvarez, instou “ao goberno para que se leve a cabo de xeito inmediato a subasta eléctrica para garantir o futuro de Alcoa e impedir que os clientes da empresa busquen outros proveedores con efectos moi negativos sobre estas fábricas e os seus traballadores”. Nesta liña, a deputada Margarita Pérez Herraiz lembrou a iniciativa presentada e rexistrada no Congreso para cambiar o sistema da subasta, regulando o custo da enerxía e aumentando a periodicidade “para outorgar certa estabilidade á empresa”, apuntou.
Outra das reivindicacións dos traballadores alude ao futuro das fábricas, posto que o proceso de segregación das mesmas “debilitaría a defensa dos propios traballadores”, comentan, reclamando “algunha explicación no caso da venta das dúas fábricas por separado, pois non queremos que afecten nin aos postos de traballo nin ás condicións laborais”. O eurodeputado José Blanco trasladou o seu apoio ao comité afirmando que “non se pode estar con esta incertidume todos os anos, e a obriga das administracións é xerar o entorno adecuado para a empresa, creando un efecto positivo sobre a mesma, moi machacada polos custes de produción”, subliñou. Neste senso, “estamos traballando xunto cos socialistas franceses e italianos para poñer en marcha un Fondo de Compensación europeo que distribúa a todas as nacións cos mesmos criterios, freando deste xeito a competencia desleal”, propuxo, engadindo que “debería existir unha partida nos orzamentos para este fondo, e niso estamos traballando”.
Visita ao Porto de Celeiro
Os socialistas tamén visitaron o Porto de Celeiro, mantendo un encontro cos armadores e dando conta do abandono por parte da Xunta de Galicia. “No sector pesqueiro temos cero axudas da Xunta, descoñecen os nosos problemas e nin se preocupan por escoitar ao sector”. O voceiro socialista en Cervo, Francisco Urbano, amosou a súa “preocupación e total sensibilización coas demandas do sector, posto que eles son parte fundamental da economía da zona e o deber das administracións é apoialos, e non ignorar por completo o potencial dun sector produtivo tan importante para Galicia”.
O candidato socialista, Luis Álvarez, destacou “a hipocresía que supón a total descompensación entre o que se recada e o que se invirte, existindo problemas graves de desigualdade no sector pequeiro, con canons excesivos e sen ningunha reinversión”, finalizou.