A Deputación abriu hoxe o prazo de solicitude para participar no Campus de Maduración da Idea Empresarial, pertencente a IV edición do Campus de Emprendemento Sostible, dirixido a persoas que xa teñen avanzada a súa idea de negocio. Está aberto ao público en xeral, con prazas para 20 persoas, e terá lugar no Centro de Interpretación de Terras do Miño, durante a semana do 21 de novembro. Hai un banner na www.deputacionlugo.gal con toda a información e documentación necesaria para poder participar no Campus.
O organismo provincial ofrece con este campus asesoramento sobre viabilidade comercial, técnica, legal, medioambiental ou económica-financeira dos proxectos. Tamén se visitarán empresas consolidadas como Granxa Maruxa, Milhulloa, Parada das Bestas ou Arqueixal. Rematadas as clases teóricas e prácticas, haberá titorías individuais para un asesoramento máis personalizado co obxectivo de culminar as ideas empresariais.
Campus de Emprendemento Sostible
É o plan de fomento do emprego a través do que o organismo provincial ofrece a emprendedores formación, asesoramento individualizado e coñecemento sobre iniciativas empresarias consolidadas con visitas ás mesmas co obxectivo de abrir novos negocios ou reconverter os existentes, facéndoos máis competitivos e, polo tanto, incrementando os seus beneficios.