Cervo, 3 de outubro de 2016. A concelleira de Servizos Sociais, Pilar Armada, aclara que o servizo de atención temperá para os usuarios do municipio de Cervo vaise seguir prestando sen que supoña ningún custo para o Concello, porque será subvencionado pola Xunta de Galicia con máis fondos aínda que en anos anteriores. E acusa ao PSOE de intentar crear incertezas e alarmas sociais infundadas con este asunto.
“Ao Partido Socialista de Cervo, ante as declaracións feitas nos medios de comunicación estes días con respecto á atención temperá, temos que dicirlles que non é bo crear incertezas onde non as hai e que facer oposición non é intentar crear alarmas sociais infundadas, ademais con asuntos tan delicados como son os que afectan á algúns nenos”, manifestou este luns Pilar Armada.
A edil de Servizos Sociais explicou que “este servizo de atención temperá lévase prestando desde finais dos anos 90 desde Burela para o noso municipio e outros da comarca e durante estes anos o Concello nunca tivo que pagar ningún diñeiro porque era subvencionado por parte da Xunta de Galicia a través dun plan concertado. Desde este ano a Xunta abriu unha liña de axudas con financiamento europeo, que é tan importante que incluso vai haber máis fondos para esta atención temperá dos que había antes. É unha liña de axudas á que se pode presentar calquera, pero o normal é que os centros que están funcionando sigan, a non ser que se queiran crear centros noutros sitios. Polo tanto se estes anos pasados non se pagou agora tampouco porque a subvención vai ser máis elevada e vai cubrir moito máis as necesidades deste servizo”.
Armada tamén aclarou que “o que aprobamos no pleno foi facer un convenio con Burela, aínda que se quixéramos poderíamos levalo a cabo con outro concello ou agruparnos con outros municipios, pois podemos facelo de mil maneiras. Pero entendemos que como se está prestando en Burela imos seguir así. E este cambio que houbo este ano non nada que ver coas dúbidas que os socialistas manifestaron nos medios comunicación sobre que este servizo puidera estar en perigo. Iso non vai pasar en ningún momento, porque ben sexa con Burela ou a través doutros centros ou senón incluso sería a Xunta a que atendería en todo caso aos nenos que estiveran baixo este suposto de atención temperá”.