Reis hai moitos e o devir histórico de Mondoñedo está marcado, dende tempos pretéritos, polo influxo destes.
Un dos episodios máis significativos desta vila ten que ver co reinado de Isabel e de Fernando, os reis católicos, que deron orde de tomar o lugar da Frouxeira para dar captura ó sublevado Pardo de Cela, levado con posterioridade a Mondoñedo onde foi decapitado, diante da catedral, xunto co seu fillo Pedro. Costumes medievais de solucionar os problemas ás bravas, “muerto el perro se acabó la rabia.”
A historia do mariscal, erixido como símbolo da resistencia da nobreza galega fronte á castelán, mostra semellanzas por analoxía, pero sensu contrario, co proceso revolucionario francés cando Luis Augusto de Borbón –máis coñecido como Luis XVI- foi tamén executado na Praza da Revolución. Séculos despois, cambio de ciclo histórico, pero o “modus operandi” segue a ser o mesmo, separar troncos e cabezas.
Pero non todo é sangue na capital mindoniense, aí está o legado de Leiras Pulpeiro -o médico do pobo-, o traballo xornalístico de Antonio Noriega Varela, a música de Pascual Veiga e a xenial prosa de Cunqueiro. Personaxes todas que merecerían sen excepción un tratamento individualizado, a súa propia homenaxe.
E por suposto a gastronomía, representada metaforicamente na torta de Mondoñedo que consolidou noutro reinado: o do rei das tartas.
Mil e unha razóns para amar Mondoñedo, mil e unha razóns para nutrir o realismo máxico de Cunqueiro.
Unha das novas da semana na nosa comarca ten que ver coa visita da raíña Leitizia a Mondoñedo, probablemente aconsellada polo seu sogro con respecto ás virtudes culinarias da torta. Xa se sabe, manxar de reis ou bocata di cardinale.
No tocante á loxística, e era unha cuestión que tiña profundamente preocupado a este narrador, a monarca chegou á vila de Cunqueiro polo aire; sí, aterrizou no campo de fútbol nun helicóptero, escoltada polo presidente Feijoó, o ministro de Educación e o conselleiro de cultura.
Non era esta unha cuestión menor xa que si viñera vía terrestre polo alto do Fiouco igual non o atopaba.
Dentro da axenda da raíña estaba a apertura do curso escolar no centro de Formación Profesional I.E.S San Rosendo, e alí, tivo que atoparse cun grupúsculo de manifestantes contra a LOMCE. Séculos despois da decapitación do mariscal seguen vivas moitas das vellas loitas representadas en novos estamentos sociais.
Finalmente sobre as 13:00 h., despois de terse aproximado a saudar, e entre vítores e aplausos (algún asubío habería tamén) Dª Leitizia marchou. Que volte cando queira, ou cando deus queira, ou cando todos queiran, Mondoñedo seguirá no seu sitio… O que tamén agardo é que, dentro duns séculos, poidamos reescribir a historia e non seguir repetindo os mesmos erros, ogallá estivera a raíña o día que se acordou o peche de Conservas Alonso en Celeiro, porque hai que estar nas duras e nas maduras.
Pablo Álvarez Ramos.