Mondoñedo 3 de outubro de 2016.- O Boletín Oficial da Provincia de Lugo publica este luns a aprobación definitiva do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Mondoñedo, un documento que dotará ao Concello de seguridade xurídica en materia de urbanismo e favorecerá unha protección e o desenvolvemento económico e urbanístico da cidade nos vindeiros anos”. Así o anunciou a alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, quen quixo agradecer de novo o traballo “feito por todos os implicados” para que o PXOM sexa unha realidade e se obteña deste xeito “o máximo aproveitamento dos recursos locais”.
Tras a sinatura en xuño no consistorio mindoniense por parte da conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, e a alcaldesa, da orde de aprobación definitiva do novo planeamento, hoxe o BOP recolle a aprobación definitiva do documento. En concreto, o BOP cita que “unha vez aprobado definitivamente o Plan Xeral de Ordenación Municipal e, en aplicación do artigo (…).procede publicar no Boletín Oficial da Provincia de Lugo a normativa e as ordenanzas (…). Contra o acto de aprobación definitiva do Plan Xeral de Ordenación Municipal, poderá interporse recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses (…)”.
Vantaxes do novo planeamento
Dentro da importancia que implica este documento para o desenvolvemento local de Mondoñedo, Candia citou que o PXOM contribuirá á posta en valor do patrimonio arquitectónico e natural do municipio, a través da delimitación do trazado do Camiño Norte; fomentando a rehabilitación a través dun novo Plan especial de protección, que renovará e ampliará o actualmente vixente; e impulsando dous novos plans especiais para os barrios de Os Muíños e San Lázaro. En canto á defensa do medio natural, o PXOM presta especial atención á Serra de Xistral-Toxiza, que forma parte da Rede Natura 2000.
Ademais o novo planeamento paliará o déficit de espazos públicos e zonas verdes de Mondoñedo. Crea o Parque do Castro –como parque arqueolóxico- e o Parque Lineal do río Valiñadares. Ademais, amplía a área deportiva de Viñas da Veiga e impulsa o equipamento cultural nos terreos do convento de Alcántara.
Entra as vantaxes do novo planeamento, Candia tamén citou que o PXOM aposta por promover a actividade económica, ao delimitar áreas no solo urbano para usos de tipo industrial e comercial. Incorpora, ademais, as previsións contidas no Plan Auga, de abastecemento de Galicia, e propón a instalación de ETAP que complementen ás existentes, así como a ampliación do sistema de depuración nos asentamentos do rural.
Culmina un traballo de moitos anos
A alcaldesa asegurou que culmina así un longo proceso de traballo e que permitirá actualizar o planeamento urbanístico vixente, moi básico e xa obsoleto, con 38 anos de antigüidade. Neste senso, lembrou que a aprobación definitiva do PXOM foi posible grazas ao traballo e implicación do Goberno galego, dos técnicos municipais e das administracións que se implicaron nos informes. Ademais, Candia quixo valorar de novo as decisións que se teñen tomado para chegar ao día de hoxe e o compromiso e traballo feito polos gobernos locais anteriores e polos edís que a acompañan no goberno.