Cervo, 5 de outubro de 2016. Ante as críticas que este mércores protagoniza a concelleira de Servizos Sociais de Burela, Patricia Otero, a súa homóloga cervense, Pilar Armada, lamentou a falta de respecto institucional na que esta persoa incorre e censura ademais a pouca profesionalidade que amosa con este proceder.
“Que esta persoa se dedique a facer declaracións nos medios de comunicación sen antes manter conversas directas cos responsables doutros concellos cos que comparte servizos conxuntos, neste caso con Cervo, é como mínimo un proceder reprochable, sorprendente e difícil de aceptar”, dixo Armada.
O Concello de Cervo garante o seu compromiso coa continuidade “destes servizos tan fundamentais para os nosos veciños”, como son o Centro de Información á Muller e a consulta médica de Atención Temperá, e lembra que se sosteñen ambos fundamentalmente grazas aos imprescindible apoio da administración autonómica.
Pilar Armada engadiu que “cómpre aclarar a cuestión e indicar, no que respecta ao servizo de atención temperá, que se propón un cambio no modelo xurídico e normativo sobre o que se baseaba ata o de agora esta colaboración e a concelleira de Servizos Sociais de Burela nin tan sequera mantivo unha reunión para informar ao concellos de como afectaría este cambio. Limitouse a enviar un correo electrónico. Pero tamén a proposta feita respecto do CIM é distinta á dos anos pasados e esta concelleira volve a non informar persoalmente deste cambio de criterio e unicamente se remitiu un correo electrónico desde unha traballadora de Burela a outra de Cervo. Pedímoslle a esta concelleira que sexa un pouco máis profesional no seu traballo, e que aprenda a boa práctica de falar coa xente, e moi especialmente cos distintos responsables doutros concellos cando se trate de asuntos que afecten a todos”.
Por outra banda, Armada amósase convencida de que “os veciños de Burela estarán moito máis interesados en que a súa concelleira de Servizos Socias se preocupe polos asuntos dese municipio, onde seguro terá moito traballo que resolver, e non cremos que lles pareza ben que se dedique a perder o seu tempo de traballo en facer oposición noutros concellos”.