Mondoñedo 2 de outubro de 2016.- As parcelas do polígono industrial de Mondoñedo veñen de ser desbrozadas e adecentadas parar garantir o seu mantemento. Así o avanzou a alcaldesa, Elena Candia, quen precisou que “o Goberno local do Concello realizou as xestións oportunas dirixidas a que Suelo Empresarial del Atlántico (SEA), propietario do polígono industrial, levase a cabo as actuacións de limpeza do lugar pertinentes”.
A rexedora cualificou de “moi necesaria” esta actuación e avanzou que “dende o Concello garantimos o mantemento das parcelas con novas actuacións de desbroce da maleza consistentas na eliminación dos pequenos arbustos e o cortado da vexetación”.
Candia salientou a importancia destes traballos e fixo fincapé “na necesidade de poñer en valor o polígono industrial para incentivar o asentamento empresarial na localidade”. A este respecto a rexedora avanzou que o Concello sacará proximamente á venda, “a prezos moi asequibles”, as catro parcelas do polígono que son propiedade municipal. E engadiu que “neste segundo ano de lexislatura apostamos firmemente polo desenvolvemento económico da cidade. Por este motivo, poremos as parcelas a disposición dos emprendedores máis locais”.
A alcaldesa tamén recordou que o Concello concedeu en xaneiro deste mesmo ano a primeira licenza municipal definitiva para a execución de obras no polígono empresarial que permitiu o desenvolvemento dun novo proxecto industrial na localidade.
Candia explicou que “a licenza que se concedeu tiña por obxecto a construción dunha nave industrial na parcela S-15, que xa foi levantada”. E lembrou que as actividades que se suscitan para este proxecto, ademais da edificación de dita nave, “é a fabricación de latiguillos hidráulicos, destinados á maquinaria forestal, ademais dun taller anexo para a reparación de vehículos de automóbil”. “Dúas actividades que encaixan dentro das autorizables como usos principais e compatibles”, precisou.
70.000 metros cadrados de superficie
O Parque Empresarial de Mondoñedo, propiedade da Sociedade Mixta Suelo Empresarial del Atlántico (SEA, S.L.), foi desenrolado sobre unha superficie bruta de 70.000 metros cadrados, dos que se destinaron uns 39.566 metros cadrados a parcelas de uso mixto, industrial ou terciario.