Mondoñedo, 25 de outubro de 2016.- O Concello de Mondoñedo vén de inaugurar o curso de Formación Básica en Protección Civil no que están a recibir ensinanzas unha trintena de voluntarios e voluntarias.
O concelleiro de Servizos, Urbanismo e Obras, José Otero Rejes, salientou a importancia deste tipo de actividades que teñen como obxectivo “que os participantes adquiran os coñecementos, procedementos e actitudes necesarias para desenvolver a actividade como voluntarios na agrupación de Protección Civil”.
Otero aproveitou para agradecer tamén o traballo levado a cabo polos voluntarios e voluntarias de Protección Civil, “que en moitas ocasións son os primeiros en chegar a unha emerxencia e, incluso, son os responsables de salvar moitas vidas”.
O concelleiro mindoniense adiantou tamén que no vindeiro mes de novembro se levará a cabo no Concello un curso práctico sobre accidentes nas estradas “para completar a formación dos membros de Protección Civil”.