A prensa faise eco este xoves de dúas novidades, dunha banda aprobouse a proposta de comezar a tramitar formalmente a suspensión do calendario de implantación da LOMCE, e doutra o Ministro fixo unhas declaracións dicindo que xa o Goberno contaba impulsar un Decreto Lei, que estará aprobado previsiblemente nas primeiras semanas de decembro, que converte en avaliación de diagnose o que era a reválida de 4º da ESO, e en proba de acceso á universidade o que era a reválida de 2º BAC.
Diante disto, dúas preguntas:
– Por qué agora o mesmo partido que aprobou a LOMCE contra todo e contra todos, fai estas concesións e pretende estas modificacións?. Faino obrigado pola presión social constante, e faino segundo a estratexia máis vella do mundo: a ver se aparentando ceder no accesorio, consegue que ninguén discuta o principal, que aquí ven sendo a consolidación dunha Lei que pretende beneficiar ao ensino privado, á igrexa católica, e a unha concepción discriminatorio e excluínte do Ensino Público Obrigatorio.
– Aparentemente conseguimos algo que demandabamos, agora paramos as nosas reivindicacións?. Non, de ningunha maneira, porque aínda que fora certo o que promete o ministro e conseguiramos un obxectivo, que é importante para o alumnado que agora mesmo tiña esas probas como unha barreira inmediata, non é nin moito menos o pretendido. Aquí non hai segundas, nin terceiras lecturas: continuaremos mobilizando ás familias porque o Ensino que nós queremos non ten cabida na LOMCE, o noso Ensino Público ten que ser inclusivo, galego, gratuíto e laico; e o que nós entendemos como fracaso escolar non é o dos nenos e nenas que abandonan nas diferentes etapas, senón o dun gobernantes aos que non lles trema a man á hora de botar fóra a aqueles que teñen menos medios, menos facilidades ou menos apoios.
Por iso, con reválidas académicas ou sen elas, nós continuaremos traballando porque, neste momento, o obxectivo é o mesmo que hai varios anos: DERROGACIÓN DA LOMCE, e apertura dun novo proxecto lexislativo de todas e para todas.