Máis de medio cento de persoas celebrarán este xoves 10 de novembro un gran Magosto na Asociación de Axuda ó Enfermo Mental “A Mariña”. Neste festexo participarán os usuarios de tódolos dispositivos cos que conta a Asociación, ademais de persoal técnico, e realizarase concretamente nas instalación da Unidade Residencial, localizada no Concello de Cervo.
Con motivo desta xuntanza esperamos pasar unha xornada festiva onde a participación activa sexa un éxito xa que a actividade principal, un karaoke programado dende as 10.30 horas animará á diversión e á participación grupal.
Ás 13.30 horas celebrarase unha comida todos xuntos cun menú típico da estación na que nos atopamos e a degustación dunhas saborosas castañas asadas.
Coa celebración desta festa contribuímos a coñecer e manter as tradicións populares, xa que o festexo do San Martiño, tan recoñecido en Ourense, é xa ó día seguinte.
Non só contribuiremos a manter as tradicións, senón tamén a consolidar máis, se cabe, un grupo social de apoio , onde as relacións interpersoais e a integración comunitaria axuden na consecución da nosa meta: mellorar a calidade de vida das persoas con enfermidade mental e das súas familias.