Ribadeo, 7 de novembro de 2016. O Concello inicia esta semana as obras de mellora da rúa San Roque, no treito entre as avenidas Calvo Sotelo e Rosalía de Castro. Os traballos contan cun investimento de 83.000 euros, financiado principalmente con fondos propios e cunha achega de 20.000 euros do Ministerio de Fomento.
O alcalde, Fernando Suárez, anunciou que “as obras que pretendemos levar adiante xa a partir desta semana tratan de corrixir as deficiencias que se estiveron creando nestes últimos anos nun treito de rúa peonil importante en Ribadeo como é a rúa San Roque, diante do Teatro”.
O rexedor ribadense dixo que “é concretamente o treito que está entre a avenida Calvo Sotelo e a avenida Rosalia de Castro porque presenta deficiencias seguramente polo paso dos vehículos durante tantos anos, que provocou que esnaquizaran e agora temos tamén moitos problemas cos peóns. Debemos repoñer ese adoquín e reformar todo ese treito”.
Suárez Barcia engadiu que “ao mesmo tempo queremos corrixir o xiro no cambio de sentido na avenida Rosalía de Castro, no que os coches teñen que pasar por riba do paso de peóns. Queremos facer una delimitación máis segura e máis ampla para os peóns sen restar capacidade de xiro aos vehículos. E tamén queremos aproveitar para modernizar as instalación soterradas existentes de saneamento, tendo en conta a situación límite dalgunhas delas debido ao paso do tempo”.
O alcalde subliñou que “esta inversión de máis de 83.000 euros será financiada principalmente por fondos propios do Concello de Ribadeo e nunha pequena parte, uns 20.000 euros, será financiada polo Ministerio de Fomento. O prazo de execución será de tres semanas e a empresa adxudicataria que vai levar adiante eses traballos é a de Construcións Saa de Foz”.
Fernando Suárez pide desculpas polas molestias que se poidan ocasionar: “queremos pedir comprensión durante estes días de obras, xa que seguro que imos causar molestias para os usuarios tanto para os que vivan alí como para os que compren, dado que é unha zona moi concorrida, pero estamos convencidos de que ao cabo duns días no resultado final a pagar a pena”.