O portavoz do BNG no concello de Mondoñedo, Eloi Cabanas, lamenta que a alcaldesa de Mondoñedo presuma ante a opinión pública do acordo alcanzado cos propietarios do barrio do Vilar.
A xuízo do Grupo Municipal do BNG, a addenda da escritura pública de cesión gratuita dos inmobles do barrio do Vilar altera o espíritu do acordo inicial do contrato de cesión destes bens firmado no 2003 xa que, “a proposta que se presentou no pleno do pasado mes de setembro introducía novas condicións nas estipulacións que son perxudiciais para o concello e coas que non podíamos estar conformes”.
OS CEDENTES PARTICIPARÁN NO 50% DOS BENEFICIOS
O portavoz nacionalista explica que se introducen conceptos novos como a participación da familia propietaria nos beneficios que pode xerar o Centro de Interpretación da Prehistoria e dos bens inmobles para usos turísticos do barrio se a explotación se cede a terceiros.
O BNG tampouco aproba a forma de reversión da propiedade xa que, “no caso de incumprimento do convenio firmado, o concello devolvería os bens inmobles cedidos de forma automática, gratuita e sen ter en conta a inversión pública e as melloras alí realizadas.
Eloi Cabanas defende que “somos unha oposición seria”, entenden que é positivo negociar unha prórroga pola cesión do barrio do Vilar para darlle máis seguridade xurídica á cesión, “pero o que non podemos é estar dacordo co resultado das negociacións da addenda”.