Lugo, a 3 de novembro de 2016.- O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de desestimar os dous recursos contencioso-administrativos que varias entidades do Foro do Camiño Primitivo interpuxeron contra a Dirección Xeral de Patrimonio por entender que a delimitación oficial do Camiño Primitivo vulnerou a Lei 3/1996, de Protección dos Camiños de Santiago.
En 2013, sete entidades culturais, sociais e ecoloxistas que forman parte do FORO DO CAMIÑO (ADEGA, Asociación Galega dos Camiños de Santiago, Lugopatrimonio, Asociación A Espalladoira, Asoc. De Amigos do Patrimonio de Castroverde, Padroado do Museo Comarcal da Fonsagrada e a Orde das Donas e Cabaleiros do Priorato de Vilar de Donas), reclamaron ante o TSXG a anulación da delimitación oficial do Camiño Primitivo por terse elaborado en base a criterios fraudulentos e non obxectivos, no canto de teren primado os criterios establecidos na Lei dos Camiños de Santiago, como son a autenticidade ou a historicidade da traza histórica das rutas medievais. Esta delimitación consolidaba os desvíos por estrada e as apropiacións irregulares da calzada, coa conseguinte destrución da súa paisaxe cultural asociada á vía primitiva. Así mesmo, o FORO demandaba a corrección da delimitación en certos treitos concretos con criterios técnicos motivados e onde primaba a protección do territorio histórico, a súa conservación, rehabilitación e recuperación. Ata o momento, a Xunta non ten recuperado nin un só metro dos treitos deturpados da vía medieval.
Porén, a resolución do Tribunal Superior desestima todos os argumentos do FORO DO CAMIÑO e asume, case por completo, o enfoque da Xunta de Galicia sobre a “realidade dinámica” do Camiño e a definición da súa traxectoria física a criterio discrecional do lexislador. O Tribunal considera que, en tanto existe un baleiro legal na Lei de protección dos Camiños de Santiago polo cal non se establece con exactitude os límites dos criterios xurídicos a aplicar para a delimitación das vías xacobeas, esta debe realizarse a criterio discrecional do goberno autonómico de quenda. Deste xeito, o TSXG sitúa o valor científico da historicidade e autenticidade da ruta xacobea nun nivel igual ou inferior de importancia a outros criterios non obxectivables ou de carácter comercial, económico, turístico ou de interese privado.
Desde o FORO DO CAMIÑO consideramos que este fallo asenta unha grave xurisprudencia e un perigoso precedente na definición oficial das rutas xacobeas, ao contradicir o postulado fundamental de carácter legal que incide na necesidade de salvagardar o Camiño como Ben de Interese Cultural, e que é o de facer prevalecer a historicidade e autenticidade das vías xacobeas como valores prioritarios na súa delimitación. Así pois, ao noso entender, as consecuencias deste fallo son as seguintes:
-Xustifica e promove que o interese histórico dos itinerarios xacobeos fique nun lugar secundario e residual fronte a criterios subxectivos da administración ou intereses privados ou particulares que nada teñen a ver coa historia, cultura ou patrimonio material, inmaterial ou natural dos Camiños.
-Respalda, na práctica, que o Camiño se reconverta nun simple roteiro turístico ou deportivo desvinculado de toda tradición, cun mero obxectivo funcional e irrelevante, que se pode recrear ao gusto da administración á que se lle dá presunción de veracidade, con total impunidade.
-Deixa sen protección gran parte dos treitos da traza histórica primitiva que foron deturpados, alterados ou apropiados nos últimos anos, casos reseñados de forma individual e pormenorizada nos recursos xudiciais do FORO DO CAMIÑO, e que o TSXG non entrou a valorar, como se desprende da lectura da sentenza. O Tribunal despreza de plano todas as probas periciais presentadas polo FORO DO CAMIÑO, incluída a análise diacrónica por capas cartográficas que constatan o desvío oficial a estradas e pistas forestais, trazas fraudulentas por falta de rigor, treitos de camiño histórico cortado ou apropiado, asentamento de variantes sen aval histórico algún, omisión de estudo e catalogación da paisaxe cultural incluíndo as conexións históricas e patrimonio material e inmaterial asociado, etc.
-Atribúe como aval da delimitación oficial do Camiño Primitivo por parte da Xunta a súa posterior proclamación como Patrimonio Mundial pola UNESCO, sen ter en conta que a administración autonómica nunca informou ao organismo internacional do estado “sub judice” no que se atopaba a delimitación do Camiño e obviando a advertencia que a UNESCO facía en 2007 á Administración sobre a necesidade de procurar “con el mayor esmero la pervivencia de su trazado físico (do Camiño) y los demás bienes muebles e inmuebles que lo conforman”. Pola contra, o TSXG afirma que “el trazado físico no deja de ser una manifestación añadida a los demás valores culturales que conlleva el Camino”.
-Dá carta branca aos atentados que tanto particulares como Administracións exerzan contra a trama física do Camiño e o seu territorio histórico e premia aos asaltantes da vía pública, seguindo a inercia administrativa dos últimos anos. Paradoxalmente, castiga a entidades asociativas sen ánimo de lucro, como as que integran o Foro do Camiño, por realizaren o labor de control e defensa do patrimonio cultural e ambiental dos Camiños co pago de 3.000 € de costas.
ACTUACIÓNS PREVISTAS
Aínda cabendo recurso contra esta sentenza perante o Tribunal Supremo ou recurso de reposición no propio TSXG, as entidades recorrentes do FORO DO CAMIÑO deben renunciar a esta posibilidade debido á carestía económica que ditos recursos supoñen para estes colectivos sen ánimo de lucro.
Non obstante, a nosa loita na defensa das trazas históricas e dos valores que conformaron a esencia dos Camiños de Santiago non remata aquí. O FORO DO CAMIÑO solicitará a intervención da Fiscalía en materia de protección do patrimonio cultural dos Camiños e presentará denuncia no organismo internacional da UNESCO e no Consello de Europa, recabando ademais a colaboración das federacións de asociacións xacobeas a nivel mundial, do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago, así como doutras institucións máis próximas, como a Valedora do Pobo, a Mesa Provincial dos Camiños de Santiago, organizacións políticas, etc.
Igualmente, iniciaremos un período de información e divulgación dirixido ao conxunto da opinión pública sobre o cambio de rumbo que está a tomar o fenómeno xacobeo e as súas perspectivas de futuro. Seguiremos realizando actuacións de protesta e intervencións en lugares concretos do Camiño onde é máis acusada esta problemática de ocupación da traza histórica ou arqueolóxica, a súa falsificación ou deterioro da paisaxe cultural.
Agradecemos ademais a vontade das persoas e colectivos que conforman o FORO DO CAMIÑO e que, pese ás novas circunstancias, continúan a traballar e a poñer ilusión na defensa e protección deste ben cultural e histórico, único no mundo que é o Camiño de Santiago.























O luns 30 de marzo ás 18:00 horas darán comezo as visitas guiadas polo casco histórico de Viveiro, conducidas polo historiador Xesús Martínez e organizadas polo CCHV coa colaboración da Xunta de Cofradías da Semana Santa. Antes da primeira visita, ás 17:30 horas, realizarase unha breve presentación na Praza Maior, diante da porta do Concello. No acto participarán José Veiga, en representación da Xunta de Cofradías, Cristina Rodríguez, presidenta do CCHV, e o propio Xesús Martínez.
O alcalde, Pedro Fernández, salientou o seu impacto turístico e deportivo. A edición inclúe un atractivo especial: a Concentración da Selección Española OPEN, que adestrará en Tapia do 1 ao 6 de abril. O Goanna Pro é a segunda proba da Liga PRO, garantindo un nivel competitivo máximo. Datas: Semana Santa 2026. Lugar: Praia de Anguileiro. Destacado: Concentración da Selección Española (1–6 abril).
O delegado destacou a consolidación do evento como referente cultural na Terra Chá. O festival contará con Caamaño & Ameixeiras, Ulex e La Txama, ademais de actividades lúdicas. A cita será no campo da feira de Gontán, con entrada gratuíta.
A mostra reúne unha ampla selección de obras inspiradas na vida, a paisaxe e a identidade mariñá. O acto inaugural celebrarase o domingo 29 de marzo ás 18:00 horas e contará cunha actuación especial da chelista Amanda López López.
A Guía Repsol destaca 24 locais galegos como Soletes de primavera para gozar nesta Semana Santa. Galicia suma xa 357 establecementos recoñecidos con este distintivo, que non se renova nin se revalida, senón que se concede como categoría única. Na provincia de Lugo figuran seis Soletes: ‘Caserío Meiroi’ (Navia de Suarna), ‘Ebos’ (Vilalba), ‘Faragullas’ (Mondoñedo), ‘La Salina’ (Sarria), ‘Ramón’ (Lugo) e ‘Trespés’ (Monforte de Lemos).
A cita celebrarase en Burela entre os días 4 e 6 de setembro, e xa están confirmadas preto dunha ducia de actuacións, entre elas as de Arume, Depedro, Éxtasis, Gara Durán, Juventude o La Milagrosa. O Goberno galego vén cooperando cos organizadores do festival, “que alcanza a súa duodécima edición consolidado como un motor de dinamización económica y cultural para a localidade”, afirmou Arias.
O acto institucional, celebrado este venres, contou coa participación da directora xeral de Igualdade do Principado e coa música de Clandestías.



