Ribadeo, 11 de novembro de 2016. As Concellarías de Igualdade e Mocidade desenvolverán ao longo das vindeiras semanas diversas actividades para os centros de ensino de Ribadeo enmarcadas no programa Educando en Igualdade.
O 17 de novembro terá lugar a obra de teatro O segredo de Uxía. Será no Teatro e está destinada ao alumnado de 3º e 4º de primaria. O 13 de decembro os rapaces e rapazas de 5º de primaria traballarán arredor do conto O ronsel dos océanos, de Ánxeles Alvariño. Será nos propios centros: Sagrado Corazón de Xesús e Gregorio Sanz.
Os alumnos e alumnas de 1º, 2º e 3º da ESO asistirán á representación teatral de As Pementeiras o 22 de novembro no Teatro.
Xa no vindeiro ano, no 2017, en febreiro/marzo desenvolverase un obradoiro de autodefensa feminista para alumnas de 4º da ESO, “no que se pretende que saiban responder e defenderse ante calquera ataque ou agresión física”. No mesmo traballaranse tanto técnicas físicas como elementos emocionais, psicolóxicos, relacionais… Este obradoiro desenvolverase no Sagrado Corazón de Xesús e no IES Dionisio Gamallo. Terá unha duración de tres horas e haberá quendas de 30 alumnas por grupo.
E tamén nos mesmos meses de febreiro/marzo está programado un taller sobre novas masculinidades e cambios social para os alumnos. Tamén terá unha duración de 3 horas e haberá quendas de 20 rapaces por grupo. Será nos centros Sagrado Corazón e Dionisio Gamallo.
Finalmente os nenos e nenas de infantil desfrutarán dun contacontos o 8 de marzo. Terá como destinatarios aos pícaros e pícaras de 3 a 5 anos dos centros educativos de Ribadeo e ao alumnado do 2º ciclo de educación infantil do CIFP Porta da Auga, que será o encargado de impartir o contacontos.
Estas actividades foron presentadas polas concelleiras de Igualdade e Mocidade, Mariluz Álvarez e Vanesa Yanes.