Cervo, 2 de novembro de 2016.-Un total de 15 alumnas e alumnos participaron en Cervo nun curso de atención sociosanitaria a persoas dependentes que rematou este mércores e estivo dirixido a desempregados. O orzamento ascendeu a 32.646 euros e foi financiado pola Xunta. O alcalde, Alfonso Villares, e a concelleira de Servizos Sociais, Pilar Armada, visitaron nesta xornada ao alumnado.
O rexedor cervense declarou: “fixemos unha visita aos alumnos que estiveron realizando un curso dentro da programación de accións formativas dirixidas prioritariamente ás persoas traballadoras desempregadas na nosa comunidade. O curso versaba sobre atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais e foi financiado integramente pola Xunta de Galicia cun orzamento total de 32.646 euros”.
Alfonso Villares subliñou que “un total de 15 alumnos foron os que estiveron realizando este curso. Empezou o 11 de xullo deste ano e remata no día de hoxe. Impartiuse nun dos edificios públicos que ten o Concello de Cervo aquí, na nosa capitalidade. Levamos varios anos realizando este tipo de cursos no noso concello. Entendemos que este é un nicho de mercado importante para aquelas persoas do municipio que non teñen nestes momentos unha saída laboral; e por iso apostamos para facer este tipo de cursos de atención sociosanitaria”.
O alcalde asegurou que “con isto o que queremos é darlle esa formación necesaria ás persoas desempregadas. E imos seguir apostando para estes próximos anos ben por este tipo de cursos ou por outros en función das demandas, sempre con informes técnicos previos, que sexan máis prioritarias para que as persoas desempregadas do noso concello poidan atopar unha saída laboral para o seu futuro”.