“Fai aproximadamente un ano remitimos unha carta similar a esta solicitando unha entrevista para tratar sobre o futuro do Museo do Mar, un espazo xestionado pola Deputación provincial de Lugo, que forma parte do noso interese e preocupación como veciños de San Ciprián, a localidade na que está situado.
Lamentablemente pese ao tempo transcorrido non recibimos ningún tipo de citación pola súa parte. O silencio non pode ser unha resposta satisfactoria polo que reiteramos a solicitude de entrevista formulada, no convencemento de que desde a Presidencia serán sensibles ás peticións –ou polo menos a escoitalas de primeira man- dos colectivos veciñais desta provincia.
Como saben as actuais instalacións do Museo do Mar quedáronse pequenas, ata o punto de que non é capaz de expoñer, nin gardar coas debidas garantías, o material do que dispón, moito del cedido de xeito desinteresado por veciños desta localidade. A maiores continúa no esquecemento o proxecto para impulsar a súa ampliación e existen dúbidas respecto do interese real da Deputación por adquirir os terreos contiguos.
Somos conscientes tamén de que a área de Cultura da Deputación de Lugo se veu afectada por un cambio de responsable, coa saída do BNG do Goberno. Sen entrar a valorar esta circunstancia si agardamos que implique unha nova sensibilidade para co futuro e mellora das instalacións culturais e dun espazo museístico de primeira referencia como é o único museo da provincia e un dos poucos de Galicia dedicado ao mundo do mar.
Comprenderá que os veciños de San Ciprián non podemos aceptar o silencio como resposta ante unha demanda xusta e proporcionada. Tamén sabemos que están a definir as liñas mestras dos orzamentos do próximo ano, un momento ideal para darnos unha oportunidade de ser escoitados, convencidos de que existe unha vontade real de facer dos orzamentos un proceso participativo”.
José Luis Sariego
Presidente da Asociación de Veciños Cruz da Venta de San Ciprián.