A Mariña, 26 de decembro de 2016. A presidencia da Mancomunidade de Municipios está a recibir estes días as propostas dos Concellos relativas ao persoeiro que se encargará de facer a presentación da Mariña en Fitur, e para o que xa hai catro candidatos. Ademais a Mancomunidade tamén tentará organizar un curso de socorrismo para preparar a profesionais e garantir así a súa presenza nas praias e nas piscinas da comarca o vindeiro verán.
O presidente da Mancomunidade, Alfredo Llano, lembrou que “do que se falou o outro día no pleno ordinario da Mancomunidade que celebramos este mes de decembro, no que se aprobaron os orzamentos, foi de temas que nos interesan como é o caso de Fitur. Decidimos por unanimidade este ano probar cunha persoa que nos representara un pouco a todos os concellos, que fose elixida por unanimidade e que non fose político, nin alcalde nin concelleiro, para facer a presentación do turismo e o xeodestino da Mariña”.
Llano contou que “estes días estamos mirando quen pode ser o mellor candidato e cando o teñamos o faremos saber, porque hai que falar coas persoas que se nos ofrezan ou nosoutros ofrecer a alguén que nos poida representar. Pensamos que é unha moi boa idea, estamos traballando e esperemos que dea tamén moi bo resultado”.
O presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña sinalou que “outro dos temas dos que falamos no pleno foi o dos cursos dos socorristas. Eu xa me puxen en contacto con xente que é especialista nestes cursos e estivemos mirando a duración, onde se poden impartir e o custe dos mesmos. Tivemos a primeira reunión o venres pasado, e imos tratar de falar con responsables da administración para que nos boten unha man ou nos permitan á Mancomunidade solicitar e xestionar nosoutros mesmos directamente, para organizar nalgún concello cursos deste tipo para que a xente que queira poida facelos e poder garantir cando chegue o verán persoal suficiente para facerse cargo das praias e das piscinas da comarca da Mariña”.
Alfredo Llano engadiu que “hai outro tema que nos preocupaba que era o do tren, e tamén contactamos con Adif para ter unha reunión o antes posible, ao mellor xa no mes de xaneiro, con responsables dos servizos ferroviarios. Dos tres temas que tratamos no pleno ordinario xa se están levando para adiante estas xestións e iniciativas. Estamos traballando para solucionar o antes posible calquera delas”.