O presidente do Executivo galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzaba este venres na rolda de prensa do Consello unha achega de 6,3 millóns de euros para fomentar o asociacionismo no rural a través de dúas liñas de axudas para a compra de maquinaria e equipamentos agrícolas de uso colectivo.
Feijóo subliñou que a estas axudas poderán acceder as cooperativas agrarias, cooperativas de explotación comunitaria da terra, cooperativas de utilización de maquinaria agrícola e sociedades agrarias de transformación.
Máis polo miúdo, precisou que da primeira liña, dotada con 3,5 millóns de euros e destinada á compra de maquinaria, xa se beneficiaron 32 entidades. E, no tocante á segunda, dotada con 2,8 millóns de euros, explicou que está destinada a instalacións e equipamentos para uso común, como almacéns para maquinaria ou materias primas e naves para gando.
Feijóo concluíu subliñando que esta liña de axudas foi a convocatoria con máis solicitudes desde o inicio da mesma, en 2007.