Ribadeo, 28 de decembro de 2016.- O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, amosouse “sorprendido” pola reacción do alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez Barcia, “a quen parece que lle molesta que o Goberno galego invista no seu concello”
En calquera caso, o representante autonómico evitou entrar en polémica co rexedor tras insistir en que na Xunta están para resolver os problemas das veciñas e veciños de Ribadeo “e non para crealos, ou para perder o tempo en polémicas estériles”.
“Nós puxemos unhas cifras enriba da mesa: preto de 900.000 euros que o Goberno galego investiu nos últimos meses en Ribadeo, e confirmamos cada unha delas. Podo dicir incluso que, probablemente a Xunta sexa a administración que máis investiu neste concello. E iso non debería ser un problema senón unha garantía, algo positivo”, indicou Balseiro
Rúa Aza-Cemiterio
Desde a Delegación territorial si aclararon que o investimento realizado na rúa Aza-Cemiterio, ao abeiro dunha axuda da Consellería de Presidencia, permitiu mellorar o saneamento e a asfaltado desta vía. Executouse con fondos de diversas administracións, propios e outros procedentes de Europa, “pero que xestiona directamente a Xunta, que é quen decide onde se aplican, en función do plan de necesidades que nos trasladaron”
Balseiro lembrou tamén que o Goberno galego inviste en Ribadeo no sostemento dos servizos sociais, no obradoiro de emprego, no Plan Marco de Mellora de Camiños Rurais (en Arante, Cei e Madanela), na rehabilitación de vivendas e en espazos naturais como As Catedrais, entre outras moitas iniciativas que contan con apoios autonómicos.
“Para o alcalde todo investimento parece converterse nun problema, cando, polo contrario tería que haber unha colaboración institucional fluída e permanente. Insisto, nós estamos para resolver os problemas dos veciños de Ribadeo e seguiremos facéndoo con todos os nosos medios e recursos”- concluíu