Apareceu a muller de sesenta anos que o pasado venres desapareceu do seu domicilio no Valadouro.
Arredor das oito da tarde do sábado, os axentes da Garda Civil comunicaron ao 112 Galicia que a señora foi localizada en Riosmar, preto de Cangas de Foz. Estaba algo nerviosa e solicitaron asistencia médica.
Así, os xestores do 112 Galicia informaron aos profesionais de Urxencias Médicas, que enviaron un equipo ao lugar.
A muller, que ten algúns problemas de saúde, saíu do seu domicilio arredor das oito da tarde do pasado venres. A súa tardanza inquietou á familia, que, finalmente, pediu axuda ao persoal do 112 Galicia cando estaban a piques de dar as dúas da madrugada.
A partir de ahí, os xestores do Centro de Atención ás Emerxencias de Galicia informaron aos axentes da Garda Civil e aos membros do GES de Cervo, Protección Civil do Valadouro e Foz.
Os servizos de emerxencias buscaron á muller durante a xornada do venres e foi este sábado, preto das oito da tarde, cando a muller apareceu á beira da N-642, no cruce de Cangas de Foz.