Foz, 23 de decembro de 2016. O Concello de Foz adxudicou a construción dun bar no centro social de Nois. Na execución desta obra colaboran a asociación de veciños e a comunidade de montes da parroquia.
O alcalde, Javier Jorge Castiñeira, anunciou que “este venres vense de adxudicar a obra de construción dun bar no centro social de Nois, concretamente a parte correspondente ao Concello, que son os primeiros 15.000 euros. A adxudicación foi á empresa focense Construcciones Eijo Rego S.L.”.
O rexedor focense lembra que “é unha obra que era unha solicitude tanto da asociación de veciños como dos grupos políticos municipais para aprobar os orzamentos do ano 2016 e que ía incluída nos investimentos necesarios para esa parroquia”.
Javier Castiñeira subliña que “é unha parroquia con máis de 500 habitantes que se quedou sen un sitio de reunión, un lugar social como son os bares, que, como todos sabemos, nas parroquias cumpren un fin moito maior que no núcleo urbano”.
O alcalde de Foz explica que “é unha obra que se vai facer en coordinación coa asociación de veciños e coa comunidade de montes, que tamén vai financiar parte dese arranxo. En definitiva eu creo que é unha boa nova para Nois, para tratar de dinamizar a parroquia a través do centro social. É un espazo que ten moitas posibilidades, con aparcamento e a pista deportiva ao lado”.
Castiñeira manifesta que “no centro social fanse a maior parte das actividades comúns da parroquia e polo tanto necesitaba dun bar onde se poida atender permanentemente á xente. É unha cousa moi similar a como está actualmente o centro social de Cangas, que tamén ten un bar anexo e funciona moi ben, non soamente para os clientes do bar senón para servizos da parroquia e a relación dos veciños”.
O rexedor espera que “en poucas semanas se poida empezar esa obra tan solicitada polos veciños de Nois e que ía dentro dos orzamentos do Concello de Foz deste ano 2016. O proxecto foi elaborado por Ramiro Cociña, o arquitecto que contratou o Concello para este traballo dado que o servizo municipal estaba colapsado en proxectos deste tipo. Era moi necesario porque había que adxudicalo durante esta anualidade. Este proxecto tamén é costeado polo Concello de Foz. A verdade é que os tempos van xustos pero o compromiso coa parroquia de Nois era firme por parte da corporación municipal e polo tanto fíxose o máximo esforzo por parte de todos para que isto puidese estar adxudicado antes de que rematase o ano”.