Foz, 27 de decembro de 2016. O Concello de Foz adxudicou a obra de construción de vestiarios no centro cívico de Vilaronte cun orzamento de 14.815 euros.
O alcalde focense, Javier Jorge Castiñeira, anunciou hoxe: “vimos de adxudicar a obra de creación duns vestiarios no centro cívico de Vilaronte. É unha petición que nos fixera a asociación O Castro de Vilaronte, un dos colectivos culturais máis antigos do noso concello e quizais tamén un dos máis activos, que ten creado un grupo de teatro, que é Axóuxeres, de Vilaronte, que fai moita actividade de teatro afeccionado. Este centro cívico, que é onde se realizan a maior parte das actividades culturais de Vilaronte, necesitaba duns vestiarios”.
Javier Castiñeira engadiu que “na elaboración do orzamento municipal para este ano foi unha das diferentes consultas que se fixeron aos colectivos, que son os que mellor saben en que investir os cartos; e tamén por parte da maioría dos grupos municipais entendemos que era unha necesidade”.
O rexedor municipal manifestou tamén que “a contratista adxudicataria é a empresa local Saiju Instalaciones S.L. e o importe total é de 14.815´24 euros, IVE incluído. As obras executaranse o antes posible, sempre tendo en conta as directrices da asociación cultural para causar os menores prexuízos posibles”.
Castiñeira salienta que “é un obxectivo máis cumprido dentro dos orzamentos municipais que foron consensuados por todos os grupos e están dando os seus froitos. Neste caso son felicitacións para os veciños de Vilaronte”.