Viveiro 29-12-16.O PP de Viveiro non acaba de entender a actitude tan pueril da nosa Alcaldesa a Sra. Loureiro, quen sistemática e reiteradamente se empecina en atacar á Xunta de Galicia menospreciando as súas achegas, en vez de adicarse a xestionar co debido respeto institucional, todos aqueles asuntos relevantes para o noso Concello.
O seu último ataque ó novo Delegado Territorial da Xunta en Lugo pon de manifesto unha vez máis o antes sinalado, ó tempo que evidencia a súa notoria desinformación sobre o tema, ó afirmar que non se lle comunica ó Concello o proceso de adxudicación destas vivendas de protección autonómica cando a Xunta o leva facendo puntualmente en cada un dos tres procesos realizados ata data dende o ano 2012 – o último neste ano 2016 -, ou mesmo cando sinala que a oficina municipal de rehabilitación tramita os expedientes, cando en realidade o único que fai dita oficina é recoller e remitir ditas solicitudes ó IGVS .
Ó PP de Viveiro xa non nos sorprende esta actitude de lamento e enfrentamento permanente coa Xunta, nun intento de tapar a súa escasa xestión e resolución dos problemas dos veciños de Viveiro. Tampouco nos sorprende a súa falta de información sobre os asuntos a tratar e unha proba máis disto témola en que hai uns días reclamaba explicacións á Xunta de Galicia sobre a non concesión dos obradoiros de emprego o noso Concello, resultando que non se lle concederon porque non se completou axeitadamente a documentación requerida.
Dende o PP de Viveiro queremos recomendarlle , polo ben do noso concello, que se informe antes de falar, que practique o respeto institucional – ese que tanto demanda para ela – ,que colabore coa Xunta de Galicia dialogando e negociando todo o que sexa interesante para Viveiro e que se deixe de confrotacións esteriles que non conducen a ningures.
Dende o PP de Viveiro gustaríanos que gastase as súas enerxías noutros temas, coma por exemplo en ter presentado en tempo e forma os Presupostos do 2017 – antes do 31 de decembro de 2016 -, xa que unha vez máis e xa van unhas cuantas dende que gobernan os socialistas, teremos que entrar no 2017 cuns presupostos prorrogados como ocurría noutras ocasións, co que quedan claras as poucas gañas de traballar e a inoperancia da nosa Rexidora tanto no que atañe a resolución de asuntos propios como daqueles que requiren da negociación con outras administracións.
Antonio J. Bouza Rodil
Voceiro PP de Viveiro