Lugo, 23 de decembro de 2016.- O delegado territorial da Xunta en Lugo, Jose Manuel Balseiro, explicou que preto de 4.600 lucenses perceptores de pensións non contributivas da Seguridade Social recibirán o complemento extraordinario de 206 euros aprobado este xoves, un ano máis, polo Consello do Goberno galego.
Balseiro explicou que esta axuda será ingresada de oficio a todos os beneficiarios que reúnan os requisitos nun pago único nos primeiros dez días do mes de xaneiro, sen necesidade de efectuar solicitudes ou levar a cabo ningún trámite adicional, isto é, de xeito automático na conta bancaria na que perciben a súa pensión habitualmente.
Máis polo miúdo, esta achega beneficiará a todos aqueles que reciban pensións de xubilación e invalidez na súa modalidade non contributiva, a persoas anciáns e enfermas con incapacidade para o traballo beneficiarias de axudas periódicas e ás persoas con minusvalía que perciben o subsidio de garantía de ingresos mínimos. Son, en particular, os perceptores do Fondo de Asistencia Social e do Subsidio de Garantía de Ingresos Mínimos.
Prioridade para o Goberno
Un ano máis a Administración autonómica mantén esta axuda dentro da aposta do Goberno galego de seguir apoiando ás persoas e familias con menos recursos. Cómpre sinalar que Galicia é a comunidade que complementa co importe máis elevado a cada pensionista e unha das poucas do conxunto de España que mantén esta achega extraordinaria.
“Para o Goberno galego dispoñer este complemento é unha prioridade, porque beneficia a un colectivo que o necesita e é especialmente acaído no mes de xaneiro, logo dos gastos extraordinarios propios das datas do Nadal”, concluíu Balseiro.